A CIG solicita unha reunión coa conselleira de Industria para abordar o futuro do naval vigués

Reclama da Xunta un plan específico para o sector ante as últimas noticias negativas a respecto dos estaleiros Cardama e San Enrique
Vigo - 16 Feb 2026

A CIG-Industria vén de solicitar unha reunión coa conselleira de Industria para abordar o futuro do naval vigués e trasladarlle a necesidade de contar cun plan con medidas específicas que garantan o futuro do sector, sobre todo tras as últimas noticias negativas a respecto dos estaleiros San Enrique e Cardama. Unha representación do comité de empresa e da central sindical mantivo precisamente unha xuntanza coa dirección desta última compañía para coñecer de primeira man a situación ante a previsión de que Uruguai rescindise o contrato para a construción de dúas patrulleiras.

Precisamente horas despois do encontro entre os representantes sindicais, entre eles o secretario nacional da CIG-Industria, Marcos Conde, e a dirección de Cardama o Goberno charrúa anunciaba a súa decisión de cancelar o pedido encargado en 2023 por máis de 80 millóns de euros. “Xusto antes mantivemos unha reunión coa empresa para coñecer a súa valoración ante a posibilidade do que finalmente transcendeu e que a dirección de Cardama xa nos adiantou que tiña coñecemento de que se ía producir”. 

A central denuncia o proceso de desmantelamento que padece nos últimos anos un sector clave para a economía galega como o naval

Neste senso, Conde explica que o encontro responde á preocupación polas consecuencias que esta decisión poida ter no conxunto do sector na Ría de Vigo, “máis alá do que afecte directamente á propia Cardama”, como perda de actividade, carga de traballo e mantemento de instalacións vinculadas á construción naval.

Algo que está a acontecer por exemplo en Astilleros San Enrique tras a decisión da Autoridade Portuaria de Vigo de dar por caducada a concesión dos terreos que ocupaba a antiga Vulcano en Teis. “É necesario que se garanta a continuidade destas instalacións para a construción naval, e non para almacenaxe de contedores”.

Neste senso, o responsábel sindical denuncia o proceso de desmantelamento que padece nos últimos anos un sector clave para a economía galega como o naval, que está a ter como consecuencia unha importante perda de empresas e de postos de traballo, co conseguinte esmorecemento do tecido industrial.

Investimentos e planificación

Fronte a isto a CIG-Industria insiste en reclamar da Xunta un plan industrial que garanta o futuro do sector naval galego, “porque a construción naval non pode deixarse só da man das dinámicas do mercado nin da capacidade individual de cada empresa: require unha estratexia pública clara e os investimentos e a planificación necesaria para garantir a supervivencia dun sector exemplo de capacidade produtiva, emprego cualificado e soberanía industrial”.

Mais ao contrario, o Goberno galego ten demostrado a súa nula capacidade para aplicar políticas industriais eficaces, “evidenciando mesmo a inexistencia dunha política industrial de país que responda ás necesidades propias da economía galega”. Polo que na xuntanza coa conselleira “demandarémoslle medidas concretas en defensa do naval, a continuidade das instalación produtivas e un plan industrial que garanta o futuro deste sector estratéxico para Galiza. “Calquera actuación que non teña este obxectivo será un novo atranco e un retroceso industrial, económico e social para o noso país”.