A CIG solicita que continúe o teletraballo na central de Pull&Bear até que finalice o estado de alarma
A sección sindical da CIG na central de Pull&Bear remitiu escrito á empresa denunciando que se tomase a decisión de restablecer o traballo presencial logo de que expirase o RDL 10/2020. Nas pasadas semanas, explica Rubén Gasalla, da sección sindical da CIG, os traballadores e traballadoras viñan realizando con normalidade o traballo desde a casa, ao tratárense de perfís para os que a presenza no centro de traballo non é necesaria. Os equipos informáticos xa foran trasladados aos seus domicilios e preparárase a tal efecto unha rede de traballo en remoto.
A finais da semana pasada, indica, a empresa comunicaba a parte do persoal que debería acudir esta semana ao centro de traballo, transportando de novo os equipos informáticos. “Esta decisión arbitraria e precipitada supón tomar moi pouco en serio a saúde pública e a integridade do persoal”, afirman desde a sección sindical.
A decisión da empresa “contravén así o disposto no Artigo 5 do RDL 8/2020”, onde se decreta a implantación do teletraballo como forma prioritaria de actividade laboral, e “non está asentada en criterios serios e obxectivos”.
Por iso, desde a sección sindical da CIG solicítase que se manteña o réxime do teletraballo até que se levante o decreto de estado de alarma.