A CIG pide cadea para os donos de Autobuses de Calo por acoso laboral e violencia de xénero a Nélida Pisco
O pasado día 20 de decembro a Dirección Xeral de Tráfico comunicaba a Nélida Pisco a suspensión cautelar de todos os seus permisos de conducir. A DXT adoptaba esta drástica medida en resposta a unha solicitude de Autobuses de Calo (HEDEGASA S.L.) -na que consideraba a esta traballadora un “risco para a seguridade da condución e para a seguridade dos viaxeiros”-, sen comprobar a veracidade desta acusación. Nélida Pisco quedaba así nunha situación de absoluta desprotección que a empresa aproveitou para, o 28 de decembro, suspender o seu contrato de traballo. A CIG acusa á DXT de converterse en parte dun caso de acoso laboral e anuncia medidas contra a empresa.
Para a central sindical tan grave é a decisión de HEDEGASA como a da DXT. “Ten gravísimas consecuencias para Nélida Pisco, porque ao ser unha suspensión de contrato nin cobra salario nin ten dereito a prestación”, explicou en rolda de prensa o responsábel do sector de Transportes da CIG de Compostela Inácio Pavón, quen compareceu acompañado por Lucía Freire, secretaria da Muller da CIG en Compostela e o secretario comarcal, Anxo Noceda.
Pavón denunciou ademais que esta decisión da empresa incumpre mesmo o convenio colectivo que prevé a posibilidade de que un traballador quede sen carné de conducir. “Nese caso tería a obriga de, nun prazo máximo de 15 meses, recolocar a ese traballador ou traballadora noutro posto de traballo, posibilidade que nin se valorou para Nélida Pisco, que recibiu a comunicación da súa suspensión de contrato por burofax”.
O responsábel de transportes acusa á empresa e máis á mutua de utilizar informes médicos que son confidenciais para manipular a realidade facendo ver que a traballadora está incapacitada para conducir un vehículo.
O pasado mes de novembro obtivo a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas, para o que é imprescindíbel non padecer ningún tipo de trastorno incapacitante
Segundo explicou Pavón, efectivamente Pisco segue unha terapia de apoio para superar as consecuencias derivadas do acoso laboral continuado o que se viu sometida ao longo destes anos. Con todo, até tal punto está cualificada para conducir que mesmo “o pasado mes de novembro obtivo a licenza para transporte de explosivos e mercadorías perigosas, para o que é imprescindíbel non padecer ningún tipo de trastorno incapacitante”.
A pesar diso, Nélida Pisco xa aportou informes médicos, psicolóxicos e psiquiátricos que constatan que os seus problemas son derivados da situación de acoso laboral e que en ningún caso impiden o desenvolvemento do seu traballo e, moito menos poñen en perigo as/os viaxeiros do autobús de liña que conduce.
Acoso continuado
Esta actitude de HEDEGASA non é nova. Nélida Pisco vén padecendo unha situación de acoso laboral desde o ano 2009. Nese ano, tras un aborto, un embarazo de alto risco e un parto prematuro a condutora de autobús pare á súa primeira filla, que nace cunha enfermidade conxénita pola que precisa lactación natural. Ante isto a traballadora solicita as súas vacacións anuais máis unha redución de xornada para poder atendela. “A empresa negouse a cumprir a legalidade vixente indicándolle que o que debía facer era abandonar voluntariamente o seu posto de traballo e regresar cando tivera á filla criada para volvela contratar”, lembrou Lucía Freire, quen matizou que daquela había tres traballadoras das que hoxe só queda Nélida e que todas as novas contratacións foron de homes.
Nélida Pisco negouse, porén, a aceptar unha proposta que implicara perder o seu posto de traballo e presentou unha reclamación no xulgado do social, que lle deu, obviamente, a razón. A resposta da empresa foi negarlle traballo efectivo, deixándoa fóra das instalacións da nave que ten en Calo, o que a obrigou a permanecer dentro do seu vehículo particular, toda a xornada laboral, durante meses. Unha nova sentenza obrigou á empresa a concretar a xornada e funcións da condutora. “Tan pronto comezou coas novas funcións, no ano 2010, foi despedida co argumento de que interfería no traballo dos compañeiros e non entregaba os partes diarios de traballo”, sinalou Freire.
Novamente, Nélida, recorreu ao xulgado que declarou nulo o despedimento e condenou á empresa a pagarlle unha indemnización por danos morais. O 3 de xaneiro de 2011 tivo que ser readmitida aínda que as condicións distaron moito das que ditaba a sentenza. “Desde ese momento, e até o de agora, a traballadora ten que recoller o autobús nunha parada deixando alí o seu vehículo particular e sen poder ter contacto co resto de compañeiros. Ten que realizar parte da súa ruta, con tres horas polo medio sen ocupación, para rematar despois a ruta novamente nesa mesma parada. Non se lle entrega desde o ano 2009 ningún uniforme de traballo e non recibe ningún tipo de asistencia en estrada ou información sobre o desempeño deste. As vacacións tenas que solicitar sempre vía xudicial e realizar pola súa conta os cursos necesarios para manter os seus permisos ao día. Os traballadores están ameazados para que non teñan contacto con ela e mesmo houbo varios despedimentos provocados por este motivo”.
A Inspección de Traballo cualificou a actitude da empresa, en xuño de 2012, como psicoterrorismo ou acoso laboral
Tal e como lembrou na rolda de prensa Inácio Pavón, esta situación foi cualificaba pola Inspección de Traballo, en xuño de 2012, como “moobing, psicoterrorismo, hostigamento ou acoso laboral”, polo que levantou acta a HEDEGASA por unha infracción laboral moi grave, o que motivou posteriormente unha demanda por vulneración de dereitos fundamentais na que a empresa foi condenada por todo este historial de acoso no traballo e obrigada a indemnizar á traballadora con 10.000 euros.
Pavón subliñou que “durante todo este tempo a empresa intentou que a traballadora, a cambio de diñeiro, abandonara voluntariamente o seu posto de traballo, algo ao que Neli sempre se negou, sen querer sequera saber as cantidades que se lle ofrecían, que foron, nalgún caso, moi importantes”. Fronte a isto, “o que sempre defendeu foi o seu dereito a ser nai e manter o seu posto de traballo, como unha cuestión de dignidade”.
A CIG inicia unha campaña en defensa dos dereitos de Nélida Pisco, e de todas as mulleres, a ser nais e ter garantidos os seus postos de traballo
O responsábel do sector de transportes explicou ademais que malia esta grave situación e en aras a facilitar a integración, coa maior normalidade posíbel, da traballadora, a CIG optou por manter o conflito estes últimos anos principalmente na vía xudicial, para evitar que padecera ademais as consecuencias derivadas da exposición pública.
Porén, agora e diante dunha situación que a CIG só pode cualificar como de violencia de xénero, superando o simple acoso laboral, a central sindical decidiu non só denunciar senón tamén iniciar unha campaña en defensa dos dereitos de Nélida Pisco e de todas as mulleres a ser nais e ter garantidos os seus postos de traballo.
Responsabilidade da administración
A CIG-Compostela xa solicitou para o vindeiro día 18 de xaneiro unha xuntanza conxunta cos concelleiros con responsabilidade en materia de transporte metropolitano de Compostela, Ames e Teo para coordinar accións que obriguen a Autobuses de Calo a rematar con este calvario.
A isto, Anxo Noceda, engadiu que tamén se solicitou unha entrevista coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda Ethel Vázquez, responsábel última da concesión administrativa das liñas que explota Autobuses de Calo. “Esta concesión incluía nas bases compromisos sobre o traballo feminino no sector de transporte de viaxeiros que, como vemos, están sendo flagrantemente incumpridos, e malia iso obtivo en 2011, unha prórroga por outros dez anos” sinalou. A isto engadiu que o pasado mes de decembro anunciouse que HEDEGASA será a empresa encargada dun novo servizo metropolitano circular na área de Compostela.
Ante isto, Noceda, exixiu da administración, que actúe como parte deste conflito dado que, “de non facelo, na práctica situaríase do lado de quen mantén unha situación de acoso laboral e violencia de xénero”.
Xunto a isto, solicitouse tamén unha reunión urxente coa DXT, para que deixe sen efecto, de maneira inmediata, a suspensión cautelar dos permisos de conducir de Nélida Pisco e o inicio de mobilizacións, a primeira o vindeiro día 19 de xaneiro, diante das dársenas da estación de autobuses de Santiago de Compostela que continuará cunha intensa campaña informativa no sector.
A CIG de Compostela adiantou tamén que se presentará, a través do grupo parlamentario do BNG, unha pregunta, para obrigar ao goberno a posicionarse sobre esta dramática situación de violencia de xénero nunha concesión administrativa da Xunta de Galiza.
Demanda pola vía penal
Coa situación que eles provocaron pretenden xustificar o seu despedimento
A central sindical ten presentada unha demanda pola vía penal con solicitude de penas de cárcere para o empresario de Autobuses de Calo (HEDEGASA) e máis para o encargado, como responsábeis directos de toda esta situación, que é a que provocou que a traballadora teña que seguir unha terapia de apoio. “Precisamente a situación que eles provocaron é o feito que pretenden utilizar para xustificar o seu despedimento”.