A CIG solicita axilidade na aprobación da RPT da Residencia Nosa Señora do Carme de Sarria
A CIG vén de solicitar ao Goberno municipal do Concello de Sarria a axilización do trámites para a aprobación da Relación de Postos de Traballo da Residencia Nosa Señora do Carmen. No mes de maio foi aprobada na Mesa xeral de Negociación a proposta de RPT para a residencia "que supón un avance importante na organización do traballo neste centro, e tamén unha mellora das condicións laborais e económicas do persoal, xa que permitirá revisar unas táboas salariais que están moi por baixo dos salarios no sector, tanto sexa a nivel privado coma público", explica Lois Neto, secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña.
A central nacionalista entende que, unha vez constituído o novo Goberno, este debe de axilizar ao máximo os trámites para proceder á aprobación da RPT, para que organicamente se poidan afrontar as modificación aprobadas, "que sen dúbida suporán unha mellora considerábel do servizo prestado, así como para que se poidan actualizar as retribucións salariais do persoal".
Igualmente, a CIG solicítalle aos grupos políticos que aproben en pleno a proposta de RPT, e que valoren a importancia do acordo unánime logrado na Mesa Xeral de Negociación á hora de posicionarse.
"Esperamos que a aprobación da RPT supoña un cambio dentro da organización e das relacións laborais na residencia que posibilite unha mellora considerábel na calidade do servizo, e que permita rematar coa conflitividade constante que sobre este centro houbo nos últimos anos", conclúe Neto.