A CIG solicita aos grupos parlamentarios que manteñan a ILP da tarifa eléctrica galega na súa integridade
En maio de 2016 o Parlamento de Galiza aprobaba, por unanimidade, a ILP de Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza; como dereito universal de todas as persoas ao benestar social e contra a Pobreza Enerxética. Unha ILP que contaba ademais co respaldo de máis de 18.000 sinaturas e o apoio de tres Deputacións provinciais –as da Coruña, Pontevedra e Lugo- e máis de 50 concellos, entre eles o de 6 das 7 cidades máis importantes. Porén, coas emendas presentadas por varios dos grupos a ILP –agora xa como Proposición de Lei no seu trámite parlamentario- baléirase de contido. Por iso a CIG celebrou xuntanzas este mércores con todos, agás o PP.
En representación da central sindical asistiron ás xuntanzas o secretario xeral, Paulo Carril, e o responsábel de Enerxía da federación de Industria, Fernando Branco.
Na xuntanza co BNG, tanto a súa portavoz parlamentaria, Ana Pontón, como a deputada Noa Presas, comprometéronse, en nome do seu grupo, a seguir defendendo o texto da ILP. En todo caso explicaron que a organización nacionalista engadíu unha emenda para concretar a recuperación da propiedade das Centrais Hidráulicas ás que lle venza a concesión, para o seu pase a unha empresa pública galega.
Xunto a isto, sinalaron que achegaban tamén ao texto a demanda dunha rebaixa na fiscalidade do recibo eléctrico, xa que agora mesmo está no tramo máis alto do IVE, o 21%.
Por parte do PSOE, o deputado Abel Losada, explicou que nas súas emendas o seu grupo traslada o artigo 1 a unha Disposición Transitoria, onde lle dá 6 meses á Xunta para que presente un Plan de actuación en materia enerxética, mantendo practicamente todas as demandas contempladas nese artigo e citando explicitamente a da implantación dunha tarifa eléctrica para Galiza, cunha rebaixa do 30% nas peaxes do sistema eléctrico.
O PSOE céntrase fundamentalmente no asunto da pobreza enerxética e traslada o esencial do texto da ILP a esa disposición transitoria polo contexto político xeral que se vive neste intre no Estado fai inoportunas as “variábeis” territoriais, entendo variábeis por lexítima reivindicación dunha tarifa eléctrica galega.
En todo caso, desde a CIG solicitóuselle que non se demore no tempo as medidas que se propoñen na ILP.
O espírito da ILP diluído
A última das xuntanzas celebradas esta tarde foi co deputado do grupo de En Marea, Francisco Casal. Coas súas emendas a coalición transforma a ILP e céntrase só nos aspectos da pobreza enerxética, suprimindo, entre outras cousas, a Tarifa Eléctrica Galega e creando unha Tarifa Social Enerxética Galega, paras as persoas en risco de pobreza enerxética.
Francisco Casal explicou que os cambios que propón o seu grupo débense a que entenden que Galiza non ten competencias para mudar o sistema eléctrico español a través desta lei. Por iso xustificou que En Marea elimine o capítulo I da ILP “Medidas para garantir a enerxía como servizo público para o desenvolvemento económico e industrial de Galiza” que o Parlamento aprobou por unanimidade no seu día.
Tanto o secretario xeral da CIG como Fernando Branco solicitaron a En Marea a retirada das emendas que baleiran o contido a ILP por unha tarifa eléctrica galega.
Carril criticou ademais que o PP nin sequera accedera a recibir aos representantes da central sindical e aínda máis as súas emendas porque o grupo que sustenta o goberno de Feixóo “desfai toda a ILP, mesmo cámbialle o nome á Lei que pasaría a chamarse Lei de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica”.
Por iso Carril lamentou que “ante unha Iniciativa Lexislativa Popular que conta co aval legal necesario para a súa aprobación no Parlamento galego fai incomprensíbel a falta de vontade política para acoller esta ILP e dar así resposta ás necesidades das galegas e galegos, para que os nosos recursos revertan no desenvolvemento da nosa economía e na creación de emprego”.
Para o vindeiro venres está prevista unha xuntanza da Comisión parlamentaria que tramita esta proposición de lei e a CIG non descarta mobilizacións na súa defensa se desde o Parlamento galego se pretende deixala sen efecto.