A CIG solicita a suspensión cautelar dos “abusivos” servizos mínimos decretados pola Xunta de Galiza
A CIG solicitou a suspensión cautelar dos servizos mínimos establecidos pola Xunta de Galiza para a folga xeral de mulleres convocada para o día 8 de marzo por “abusivos e contrarios ao dereito fundamental de folga”. Entende que procuran neutralizar os seus efectos “mediante a asignación duns recursos de tempo e persoal absolutamente desproporcionados” e que se fixan “sen cumprir os estritos requisitos de motivación sobre a necesidade de tales servizos”.
Susana Méndez, secretaria confederal de Organización, denuncia que a Xunta non ten en conta, no decreto, a motivación da folga, que pretende reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo. “Baixo esta premisa, a consideración que fai de que a folga vai ser secundada na mesma medida por mulleres e homes revélase como irreal e ficticia”.
Sinala ademais que “esta circunstancia provoca un incremento desproporcionado dos servizos considerados esenciais e dos efectivos de persoal asignados, sen atender ás circunstancias concretas desta convocatoria”.
Xunto a isto, Méndez incide na “palmaria falta de motivación” e no “carácter de abusivos” dos servizos mínimos lembrando que xa en casos similares, desde a folga do 8 de marzo de 2018 ou en convocatorias de folgas anteriores, o TSXG estimou substancialmente os recursos interpostos por estes motivos.
Máis servizos mínimos que o ano pasado
A CIG cita, na súa solicitude de suspensión cautelar, sectores de actividade onde “os servizos mínimos resultan improcedentes, excesivos ou faltos de motivación” en casos como o Centro Superior de Hostalería, que é un centro de ensino superior que non presta servizos a menores ou persoas con necesidades especiais, de forma que “non se xustifica a súa consideración como servizo esencial para a comunidade”.
Outros dos casos que Méndez considera “desproporcionado” é o de SOGAMA, porque “non se xustifica que os medios de persoal asignados sexan os mínimos necesarios para evitar que a prestación de servizos se interrompa durante varios días nin moito menos provoque «graves consecuencias ambientais e de saúde pública», que é o argumento utilizado no preámbulo do decreto”.
A secretaria de Organización da CIG denuncia que “mesmos e dan casos rechamantes como o das dependencias administrativas dependentes da Consellaría de Medio Ambiente, como son as relativas á calidade ambiental e o cambio climático e a conservación da natureza, onde semella que se as mulleres paramos 24 horas o cambio climático se vai acelerar”.
Xunto a estes salienta os servizos de transportes, nos que tamén se recollen excesivos efectivos para o mantemento do servizo nunha xornada de folga de mulleres ou o caso, que considera “escandaloso e feito a mantenta para impedir ás mulleres exercer o seu dereito á folga”, dos centros de maiores ou persoas dependentes da consellaría de Política Social. Para isto a Xunta recolle uns efectivos mínimos maiores que no caso da folga do ano pasado (que ademais foron anulados pola xustiza) e en categorías que son maioritariamente desenvolvidas por mulleres. A modo de exemplo sinala que para a Residencia Fundación José Otero, de Santiago, establece a maiores dos do ano pasado, unha limpadora na quenda de tarde e dúas recepcionistas, unha por cada quenda.
Canda este sinala tamén o caso da Residencia Geriatros de Vimianzo, onde se aumentaron tres xericultores/as na quenda de mañá e dúas na de tarde.