A FCM-CIG solicita a paralización total da actividade no sector da construción
A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de solicitar á Xunta de Galiza e ao Goberno español a inmediata paralización de toda a actividade no sector da construción e das actividades complementarias, ao tratarse dun persoal especialmente vulnerábel á sinistralidade laboral, con forte incidencia en enfermidades crónicas que afectan ao aparato respiratorio como a silicose, e que agora se ve indefenso ante a pandemia do coronavirus, pois está obrigado a traballar con normalidade "cando o resto da sociedade está literalmente confinada nas súas casas".
A central ten recibido ducias de queixas de traballadores/as a respecto da falta de EPIs, de que continúan a desprazarse todos/as xuntos no mesmo vehículo sen manter ningunha medida de precaución, ou que os operarios e operarias se aglomeran en grandes obras como se non estiveramos nunha situación de alarma sanitaria. Por outra parte, explican dende a FCM-CIG, hai actividades no sector nas que resulta imposíbel conservar a distancia mínima recomendada de seguridade (que ascende, segundo os expertos neste momento, aos 2 metros): a montaxe de andamios, o traballo en espazos confinados, os desprazamentos ás obras, etc.
A este respecto, subliñan que "non podemos comprender como o Goberno lle esixe á poboación medidas absolutamente dignas dun estado de excepción, e por outra se lle esixe ao persoal da construción que traballe con total normalidade".
Como exemplo desta situación, a FCM-CIG apunta á obra de ampliación das instalacións de INDITEX en Sabón (na imaxe), e concretamente na construción da nova nave de Trisko, na que prestaban servizos cerca de 200 operarios de diversas subcontratas sen ningunha medida de seguridade; ou nos sectores da lousa e da pedra onde o traslado do persoal se realiza nos vehículos das empresas "nos que para nada se respectan as medidas de separación dispostas".
Situación similar sucede nos tramos en obras do AVE en Ourense, cun inmenso trasfego de traballadores/as que a diario chegan de diferentes puntos do estado, ou o caso da obra da Cidade da Xustiza en Vigo, onde están a traballar máis de 100 operarios/as.
En todos eses casos e moitos outros, a CIG xa denunciou a inexistencia de medidas de protección fronte ao Covid19. A consecuencia desas denuncias, nomeadamente na de INDITEX, a Inspección de Traballo acreditou a certeza dos feitos e obrigou a empresa a estabelecer medidas coma a distancia de seguridade, o uso de máscaras, ou os controis de temperatura matutinos a todos os operarios e operarias, entre outras.