A CIG solicita a intervención de Ethel Vázquez no conflito provocado por transportes Ferrín en Ribeira
A CIG vén de dirixir un escrito á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, solicitando unha reunión urxente para explicarlle polo miúdo o conflito existente no Grupo Ferrín, na liña do servizo público de transporte regular de viaxeiros e viaxeiras por estrada de Ribeira e que se adopten medidas contra ela desde a administración.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembra que nos últimos cinco anos o Grupo Ferrín acumula ducias de Inspeccións de Traballo e condenas xudiciais por incumprimentos laborais reiterados. Unha situación que cualifica de “extrema gravidade” e que se iniciou logo de que a CIG gañara as eleccións sindicais de 2015 e que se intensificou tras da folga convocada en 2014 para exixir o cumprimento do convenio colectivo en materia de xornada, horas extra, salarios, prevención de riscos laborais e de que se reclamara o cese da represión sindical que xa se estaba a producir naquela altura.
Carril sinala que a actuación empresarial deu lugar á declaración xudicial de nulidade de varios despedimentos e modificacións substanciais de condicións de traballo de persoas afiliadas á CIG, por vulneración de dereitos fundamentais, e á declaración, pro parte da Inspección de Traballo, de múltiples infraccións graves e moi graves en materia laboral, tan por vulneración de liberdade sindical, como por diversos incumprimentos legais en materia de tempo de traballo, descansos, salarios ou cotizacións.
Porén, o secretario xeral subliña que, “malia os severos correctivos recibidos polos seus incumprimentos da legalidade, a empresa teima na súa actitude, chegando a tal punto de desacato que xa sufriu varios embargos para obrigar a asumir as sancións administrativas e os salarios e indemnizacións debidas aos seus traballadores e traballadoras”.
Lembra que, por iso a CIG presentou no pasado mes de xullo unha denuncia penal no xulgado de Instrución de Ribeira, por posíbeis delitos contra os dereitos dos traballadores e traballadoras e desobediencia.
Accións contra a empresa
Diante desta situación Paulo Carril demanda a intervención da consellaría lembrando que a lexislación sobre contratos do sector público impón ás administracións “un certo nivel de exixencia e responsabilidade en relación coa conduta laboral das súas empresas contratistas” e que o artigo 211.1.i desa mesma lei “recolle por primeira vez, como causa de resolución dos contratos administrativos o incumprimento das condicións laborais por parte das empresas adxudicatarias dos servizos públicos”.