A CIG solicita a creación da Mesa do Naval da Ría de Vigo na que abordar as solucións urxentes para o sector
A CIG vén de solicitarlle ao Goberno español e á Xunta de Galiza que, de maneira urxente, ambas administracións poñan en marcha a Mesa do Naval para a Ría de Vigo (con presenza das organizacións sindicais e patronais máis representativas) para abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e o emprego neste sector, estratéxico para a comarca e para Galiza.
Dentro da actuacións e mobilizacións que a CIG leva realizando dende hai preto de dous anos en defensa do naval de Vigo, a central remitiulle escritos ao conselleiro de Economía e Empresa e á ministra de Industria demando a constitución inmediata deste foro ante o grave risco de desaparición desta sector na comarca, como evidencia a crise que atravesan as tres grandes construtoras navais da zona: a antiga Vulcano, Barreras e Metalships&Docks. O que xa provocou miles de despedimentos e o incremento da precariedade laboral, e ao que agora hai que engadir os recentes episodios de represión sindical.
Diante deste progresivo desmantelamento, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, critica que se deixen nas mans exclusivas dos consellos de administración das empresas as decisións sobre o futuro do sector naval. "Ten que haber unha acción clara, decidida e contundente das Administracións Públicas, concretamente do Goberno galego e español, desde o ámbito das súas competencias, para garantir a viabilidade e a carga de traballo para o naval", asevera.
Propostas urxentes para salvar o naval
A CIG leva meses reclamando unha saída galega xusta da crise e un Plan de Emprego e Industrialización, no que se inclúen varias propostas urxentes para salvar o naval de Vigo, como son:
1.- Unha solución estábel e duradeira para o estaleiro de Barreras a través do proceso de retorno ao sector público. E no caso da antiga Vulcano, recuperar a actividade nas instalacións mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.
2.- A conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal na Ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño etc., e investimentos comúns en tecnoloxía e I+D+i.
3.- Unha aposta clara pola diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para construír e un financiamento para desenvolver os proxectos, todo isto acompañado duns beneficios fiscais.
"Para facer realidade estas medidas é preciso unha actuación clara, decidida e contundente do goberno español e da Xunta. Por iso, dentro da campaña que como CIG estamos a desenvolver e ante a confusión que existe nestes momentos no sector, hoxe solicitamos do Ministerio e da Consellaría a creación desta Mesa do Naval na que abordar as solucións máis urxentes que precisa o sector para garantir a continuidade produtiva e o mantemento do emprego", conclúe Carril.
Intensificar a mobilización
Neste senso, o secretario xeral da CIG advirte que o futuro industrial de Vigo, ao igual que o do conxunto do país, está en xogo, e por iso cómpre intensificar a mobilización para demandar viabilidade e carga de traballo para o naval. Carril volve lanzar un chamamento, como xa fixo na manifestación da CIG do pasado 15 xullo, a que se acepte a unidade en base a cinco puntos, consensuando un calendario de mobilizacións que se prolongue no tempo e que inclúa todas as folgas e accións necesarias para levar adiante estas demandas, "porque hoxe máis que nunca é necesario que o sector estea unido baixo as mesmas reivindicacións".