A CIG rexeita o ERE para 25 persoas anunciado pola nova dirección do Hotel Bahía de Vigo
A federación de Servizos da CIG amosou hoxe o seu rexeitamento ao ERE extintivo que vén de anunciar a nova dirección do Hotel Bahía de Vigo, medida que suporía o despedimento das 25 traballadoras/es da cafetaría e do restaurante. O cadro de persoal do hotel, integrado por 32 persoas, desenvolveu unha protesta diante do establecemento esta mañá, coincidindo coa constitución da mesa de negociación do ERE.
Tal e como explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, na reunión de hoxe a nova propiedade do hotel -tras a súa adquisición o pasado mes de novembro- limitouse a comunicar o inicio do ERE e a entregar a pertinente documentación, fixando a primeira xuntanza negociadora para o vindeiro venres día 20 ás 12:00 horas.
A representación sindical preguntou o motivo polo que se procedeu a pechar a cafetaría e o restaurante o pasado luns, antes incluso de terse iniciado as conversas do ERE. “Mandaron a todo o persoal de vacacións 15 días a pesar de que aínda non xeraran estes días libres, polo que presentamos unha denuncia diante da Inspección de Traballo”, sinala Fernández. A resposta da empresa foi que se fixo ao rematar a tempada de Nadal, algo que obviamente non acontecera até o de agora.
Por iso dende CIG sospeitan que en realidade o que pretende a nova propiedade é externalizar servizos e desfacerse do persoal que ten unhas condicións laborais consolidadas, xa que nalgúns casos levan máis de 40 anos na empresa. “Algo que non ten sentido porque se trata dun negocio rendíbel, que se mantivo ocupado completamente dende o mes de agosto”.
Por iso o cadro de persoal está disposto a renunciar aos seus postos de traballo e hoxe iniciou un calendario de mobilizacións que cando menos se vai a desenvolver a diario de 11:00 a 12:00 horas até o vindeiro venres diante do establecemento, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra uns despidos nos que tamén están incluídos os tres delegados de persoal, da CIG.