A CIG-Servizos rexeita o acordo que puxo fin á folga na empresa de limpeza de contedores en Stellantis
A federación de Servizos da CIG de Vigo vén de amosar o seu rexeitamento ao acordo que puxo fin á folga indefinida no grupo Urbano Bernabé, contrata encargada da limpeza de contedores e de embalaxes baleiros na fábrica de Stellantis, xa que na práctica tradúcese na implantación dunha dobre escala salarial.
O comité de empresa, presidido pola CGT, acordara iniciar o paro indefinido o pasado día 3 de outubro ante o anuncio da dirección de substituír de xeito unilateral o convenio provincial de limpeza de Pontevedra polo de transporte de mercadorías por estrada, coa conseguinte precarización das condicións laborais e o prexuízo económico e para os máis de 60 traballadores/as.
Mais o pasado día 28 a representación sindical optaba por asinar un acordo coa compañía e poñer fin á folga a pesar de que Urbano Bernabé non deu marcha atrás na súa intención de cambiar de convenio. O que se traduce ademais no establecemento dunha dobre escala salarial na empresa, xa que o pacto contempla que o persoal subrogado manterá as condicións actuais, mentres que ao de nova incorporación aplicaráselle o convenio de transporte de mercadorías, como xa aconteceu coas contratacións feitas unha vez ratificado o acordo. Deste xeito, os novos/as traballadores/as ingresarán arredor de 4.000 euros menos ao ano que os seus compañeiros/as.
Ao mesmo tempo, establécese que as subas salariais, se as houber, serán as que determine o novo convenio. E tamén se acordou que as vacacións coincidirán coas de Stellantis, cando o persoal de Urbano Bernabé tiña até o de agora un cuadrante propio.
Vulneración do dereito de folga
Por outra banda, tal e como adiantara a CIG, a Inspección de Traballo procedeu á apertura dun procedemento administrativo sancionador por infracción moi grave contra Urbano Bernabé por vulneración do dereito de folga, extremo que fora negado no seu día pola CGT dende o comité de folga a pesar de que a autoridade laboral así o recoñecera en xuntanza coa representación sindical.
A Inspección recolle no seu informe que a empresa, nada máis coñecer a convocatoria de folga, procedeu a contratar a 12 persoas para realizar “traballos especiais”. Mais durante visita realizada ao centro de traballo por parte da autoridade laboral constatouse que algunhas destas persoas de nova contratación -algunhas delas a través de ETT- estaban a levar a cabo labores propias do persoal en folga, o que supón unha infracción moi grave por vulnerar o dereito de folga.
Ademais, no informe lémbrase que no inicio da folga na empresa estaba vixente un expediente de regulación de emprego, polo tanto tiña prohibido realizar horas tanto novas contratacións como extraordinarias, cuestión que tamén incumpriu, xa que a labor inspectora detectou que o persoal estaba a superar as 40 horas e que non se cumpría o descanso semanal obrigatorio.
Lamentable papel da CGT
Finalmente, dende a CIG-Servizos censuran o “lamentable papel” que a CGT desempeñou ao longo de todo o conflito, ocultándolle información aos traballadores/as e mesmo facéndollo o xogo sucio á empresa. Até o punto de que dende o comité de folga desmentíronse publicamente as afirmacións da CIG a respecto da apertura dun expediente sancionador por parte da Inspección, “cando os propios responsábeis da CGT llo tiñan trasladado ao cadro de persoal nunha asemblea celebrada ás portas da autoridade laboral”.
Por se isto fose pouco, nada máis rematar o conflito, e conscientes de que o asinado non é un bo acordo, difundiron un escrito asinado polo comité de folga no que chegan a asegurar que seguramente terían acadado mellores resultados de ter contado co apoio “de la clase obrera de nuestro entorno”. Tamén arremeten contra a “insolidaridad” de todos os traballadores/as das distintas empresas que prestan servizo en Stellantis e acúsanos/as de darlles as costas ás súas reivindicacións. A excepción dun pequeño grupo de empregados/as de Samain, contrata de limpeza da fábrica.
Crítica que fan extensíbel tamén “a las grandes secciones sindicales de la fábrica”, xa que unicamente agradecen o apoio dun sindicato, ao que citan expresamente nunha versión da nota que non lle foi entregada á totalidade dos membros do comité. “Para pechar o círculo de tan lamentable xeito de actuar, e raiando xa o surrealismo, o presidente do comité de empresa de Samain, tamén da CGT, vén de anunciar que abandona o cargo tras 22 anos 'tras observar tristemente la actitud egoísta de la mayoría de los trabajadores/as que represento'”.