A CIG-Servizos revalida a maioría absoluta no comité da limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
A federación de Servizos da CIG de Vigo vén de revalidar a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas recentemente en Acciona, concesionaria do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (HAC), ao obter 5 dos 9 representantes que se escollían no comité de empresa.
Dun censo de 212 persoas, no proceso que tivo lugar o pasado mércores día 15 participaron un total de 191 traballadoras/es, contabilizándose 5 votos en branco e 2 nulos. A candidatura da CIG sumou 97 apoios e logrou 5 representantes, fronte aos 85 votos colleitados por CCOO, que conseguiu 4 delegadas/os.
Dende a CIG-Servizos trasladan o seu agradecemento público a todas as persoas traballadoras que unha vez máis apoiaron co seu voto o proxecto sindical que representa a central nacionalista e avalaron o traballo feito pola CIG no servizo de limpeza do HAC durante estes anos.
Ao mesmo tempo, lembran que fixeron falta 17 días de folga en 1987 para lograr a equiparación salarial co persoal sanitario, sendo as primeiras/os en conseguilo en Galiza. “Grazas a aquela loita o persoal do sector ten recoñecidos dende aquela os mesmos dereitos e salarios, asimilados ao pinche de cociña”.
Nos últimos anos, e grazas ás negociacións da CIG, as condicións laborais melloraron de xeito notábel, incorporando melloras sociais como complementos de axuda escolar, por fillos/as con discapacidade ou pluses de absentismo con cantidades que superan os 500 euros nun único pago. Ademais, nun sector como o da limpeza, con alta contratación feminina, aumentáronse as licenzas por riba do establecido na lei, tanto en lactancia como en acumulación.
No que ten que ver co emprego, tamén se conseguiu que as traballadoras/es temporais poidan pasar a ser fixas a través dunha bolsa de emprego. “Este ano coincide coa nova negociación do convenio colectivo, polo que tentaremos pactar máis melloras económicas e sociais e facer cumprir un dos mellores convenios de equiparación do país”.