A CIG-Servizos revalida a súa maioría absoluta na plataforma loxística do grupo Froiz en Poio
A federación de Servizos da CIG revalidou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na plataforma loxística de Froiz en Lourido, no concello pontevedrés de Poio, ao pasar de 6 a 7 delegados/as nun comité de empresa de 9 membros.
Dende a central sindical sinalan que este apoio “masivo e contundente” por parte do cadro de persoal “é resultado de tantos anos de traballo dos delegados/as da CIG, con convocatoria de folga incluída, logrando melloras sensíbeis en materia de prevención e conseguindo formación continua para a totalidade dos traballadores/as”.
Por iso valoran moi positivamente o resultado obtido no proceso, ao tempo que reiteran o seu compromiso coa loita pola mellora das condicións laborais do conxunto do cadro de persoal a adiantan a súa intención de facerlle fronte “con toda a firmeza” aos posíbeis conflitos.