A CIG revalida a maioría absoluta na concesionaria do mantemento das zonas verdes do Concello de Vigo
A federación de Servizos da CIG revalidou a maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Althenia, concesionaria do servizo de mantemento dos parques e xardíns do Concello de Vigo, ao obter 7 dos 9 representantes que se escollían no comité de empresa.
Dende a central salientan o feito de que as súas candidaturas incrementaron o número de votos en cada proceso electoral, pasando dos 67 apoios e 6 delegados/as colleitados en 2011 aos 76 que obtivo nesta ocasión (7 delegados/as). Ademais, a quedou a só dúas décimas de lograr o oitavo/a representante, pero finalmente foi para a UGT, que se fixo con dous membros do comité.
A CIG-Servizos conseguiu este importante número de apoios a pesar de que ano tras ano descendeu o cadro de persoal: en 2011 tiñan dereito a voto un total de 104 persoas, fronte ás 90 da actualidade. En 2015, cando podían votar 99 traballadores/as, a CIG sumou 68 votos e tamén 7 delegados/as.
Intervención da empresa
Segundo sinalan dende a central, este proceso foi máis complicado que os anteriores pola intervención da empresa, que en lugar de manterse á marxe “empeñouse en ter dous colexios electorais por primeira vez na historia desta concesionaria, polo que tivemos que presentar unha candidatura en técnicos/as e administrativos/as e outra en especialistas”.
Ademais, a xefa de servizo de Althenia pretendía figurar no censo para poder ser elixíbel, o que derivou nunha impugnación por parte da CIG da que a data de hoxe aínda non existe decisión arbitral. “O bo traballo feito nestes anos, e o noso protagonismo nas folgas e nos conflitos deron como resultado esta rotunda maioría”, indican dende a central.