A CIG-Servizos revalida a maioría absoluta en Froiz na provincia de Pontevedra a pesar das manobras da empresa
A CIG-Servizos vén de confirmar dúas importantes vitorias noutros tantos procesos electorais celebrados recentemente, nos que logrou revalidar a maioría absoluta no comité de Froiz na provincial de Pontevedra e converterse por primeira vez na forza máis votada no colexio de especialistas de Gadis tamén a nivel provincial.
No caso de Froiz a central fíxose con 13 dos 25 representantes do comité de empresa (12 no colexio de especialistas e 1 entre o persoal técnico e administrativo) a pesar das manobras da dirección para tratar de impedilo, levando a cabo modificacións nos censos do colexio de especialistas. A continuación situáronse UGT con 6 delegados/as (5 en especialistas e 1 en persoal técnico e administrativo), CCOO con 2, a CUT con 2, a CGT con 1 e a USO con 1, todos eles no colexio de especialistas.
A CIG colleitou este excelente resultado grazas os 1034 votos colleitados (937 entre os especialistas e 97 entre o persoal técnico e administrativo). Pola súa banda, UGT contabilizou 421 apoios (353 en especialistas e 38 entre persoal técnico e administrativo); CUT 141 (todos entre os especialistas); USO 126 (74 entre os especialistas e 52 entre o persoal técnico e administrativo); CCOO 117 (todos entre os especialistas); e CGT 112 (todos no colexio de especialistas).
Primeira forza entre os especialistas de Gadis
Precisamente no colexio de especialistas a central sindical logrou situarse por primeira vez como organización máis votada nas eleccións que se veñen de celebrar en Gadis tamén a nivel provincial. Neste proceso a CIG sumou 5 representantes do comité grazas aos 159 votos colleitados. Mentres que a USO fíxose con 6 delegados/as (4 no colexio de especialistas e 2 entre o persoal técnico e administrativo); CCOO con 4, CGT con 4, e UGT con 2; todos eles/as entre os especialistas.
Dende a CIG-Servizos agradecen tanto o apoio masivo do persoal de Froiz como o amplo recoñecemento á labor que desenvolve a central sindical por parte das traballadoras/es de Gadis. No primeiro caso salientan especialmente a importancia dun resultado que foi posíbel a pesar dos impedimentos da empresa.
Finalmente, valoran que o proxecto sindical asembleario e de contrapoder que representa a CIG continúe a medrar entre a clase traballadora galega fronte ao entreguismo das centrais estatais e a perda de dereitos que supón apostar tanto por estas organizacións como polos sindicatos sectoriais.