A CIG-Servizos reclama o cese inmediato do edil de Emprego da Coruña por incompatibilidade de actividades
A CIG-Servizos quere reclamarlle publicamente á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que de inmediato proceda a cesar ao concelleiro de Cultura e Emprego, Juan Ignacio Borrego, ao entender que a súa actividade como representante da patronal do sector de dobraxe resulta incompatíbel coa súa actividade como representante público.
Ademais das incompatibilidades legais que poida supor ter dedicación exclusiva como edil da Corporación municipal da Coruña e representar ao mesmo tempo a patronal de dobraxe, a CIG cuestiona o carácter ético desta dupla actividade, pois Borrego está negociando o convenio galego de Dobraxe en nome da asociación empresarial AEDOG, que pretende recortar os cativos dereitos do persoal do sector.
Para o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, un Goberno que se presupón progresista como o do Concello da Coruña "non pode tolerar ter un edil de Emprego que leva máis de 18 anos sen pagarlle os salarios aos seus traballadores e traballadoras conforme ao que estabelece o convenio colectivo".
Tarifas sen actualizar dende 2006
Apunta que o convenio de Dobraxe leva sen negociarse dende 2006 e as tarifas que se abonan ás e aos profesionais están conxeladas dende hai anos nos 35,90€ por convocatoria. Esta falta de actualización supuxo un empobrecemento progresivo dos soldos do persoal. Pero é que ademais, a empresa de Borrego (Babalú Studios) está retribuíndo as dobraxes ao castelán por debaixo do marcado no convenio, ao abonar só 23,01€ por convocatoria e non os 35,90€ regulados no marco laboral.
A pretensión da patronal á que representa Borrego é seguir pagando por debaixo do convenio"
O responsábel sindical destaca que dende o inicio da actual negociación, a pretensión da patronal á que representa Borrego é seguir pagando por debaixo do convenio. "Non é ético que un cargo público acuda a unha mesa de negociación para tentar asinar un convenio por debaixo das condicións actuais, menos aínda cando desempeña a responsabilidade de Emprego. Onde queda entón a defensa dos dereitos das persoas traballadoras?", cuestiona Naya.
Porque ademais de pagar por debaixo do convenio, Babalú Studios carece dun rexistro de xornada acorde á normativa vixente e realiza contratos fraudulentos ao contratar persoal técnico polo réxime de artistas. "Este tipo de contratación non é legal neste caso xa que non se trata dunha actividade puntual", matiza.
Denuncias na Inspección e negociacións rotas
Estas irregularidades repítense nas principais empresas de dobraxe que operan en Galiza e por iso a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo contra Babalú Studios, Studio XXI, Iyuno SDI e Cinema Ibero Lusa, solicitando que faga as oportunas comprobacións e levante acta de infracción, se procede.
Sobre as negociacións do convenio colectivo, Naya aclara que están rotas a causa precisamente das pretensións patronais de aplicar condicións laborais e salariais por debaixo das que o persoal xa ten recoñecidas a día de hoxe.