A CIG obtén 4 de 5 representantes no comité do almacén de Froiz no Marco de Pontevedra
A CIG-Servizos obtivo 4 de 5 representantes no comité de empresa do almacén de Froiz no Marco de Pontevedra a primeira vez que se escolle representación neste centro de traballo que con anterioridade pertencía á cadea de supermercados Moldes.
O resultado acadado pola central sindical no proceso celebrado recentemente permítelle alzarse coa maioría absoluta da representación sindical e evidencia o apoio masivo do cadro de persoal ao proxecto que representa a CIG.
De feito, no colexio de especialistas a central colleitou a práctica totalidade dos votos ao facerse con 54 dos 61 emitidos -dun censo de 67 traballadores/as- (a USO sumou unicamente 7, quedando sen representación neste colexio). O delegado/a que se escollía entre o persoal técnico e administrativo foi para a USO (15 votos), xa que neste colexio unicamente concorreu a súa candidatura.
Dende a CIG-Servizos agradecen a confianza depositada na súa candidatura polos/as empregados/as do almacén de Froiz no Marco e anuncian que continuarán a defender os dereitos laborais e a demandar melloras das condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal, de igual forma que fan no resto de centros de traballo do grupo Froiz onde a central ten representación.