A CIG-Servizos mobilízase pola readmisión dunha traballadora de Zara en Pontevedra despedida tras un ano de baixa
A federación de Servizos da CIG mobilizouse onte diante da tenda de Zara en Pontevedra para reclamar a readmisión dunha traballadora afiliada da central que foi despedida tras reincorporarse dunha baixa médica dun ano de duración.
Delegadas/os sindicais e traballadoras/es da empresa pertencente ao grupo Inditex desenvolveron unha concentración no establecemento da rúa Sagasta ao berro de “Despedida readmisión” para rexeitar a decisión da compañía. Dende a CIG-Servizos lembran que a afectada, que leva como comercial na empresa dende 2006, nunca antes recibira ningún tipo de sanción nin de amoestación.
Por iso sosteñen que os argumentos que esgrime Zara para xustificar a rescisión de contrato son “absolutamente falsos”, xa que a empresa acusa a traballadora de “baixar o seu rendemento de xeito voluntario, crear mal ambiente no traballo e facer comentarios negativos sobre a empresa”.
O que está claro é que a empregada foi despedida 11 días despois de reincorporarse ao seu posto tras unha baixa médica prolongada, e que a propia compañía ofreceu no acto de conciliación indemnizala por despido improcedente. “Pero a compañeira non quere cartos, quere ser readmitida porque foi despedida de forma totalmente inxusta, algo que reiteraremos no xuízo que terá lugar en novembro e no que reclamaremos a nulidade da decisión”.