A CIG-Servizos faise coas tres delegadas de persoal que se escollían no Hotel H4 de Cangas

A nova representación sindical fixa entre os seus principais obxectivos garantir o cumprimento do convenio provincial de hostalaría
Cangas - 05 Dec 2024

A federación de Servizos da CIG logrou as tres delegadas de persoal que se escollían no Hotel H4 de Cangas, facéndose deste xeito coa totalidade da representación sindical nas eleccións que se veñen de celebrar no establecemento. A central nacionalista agradece o apoio amosado polo cadro de persoal a adianta a súa intención de loitar polo cumprimento do convenio colectivo.

O Hotel H4 conta cun cadro de persoal de máis de 30 persoas traballadoras, das que máis do 66% participou no proceso. A CIG foi a única organización que foi quen de presentar candidatura nun centro de traballo que escollía representación sindical por primeira vez. 

No proceso participou máis do 66% do persoal

Pola súa banda, as delegadas de persoal que veñen de ser elixidas fíxanse entre os seus principais obxectivos para os vindeiros anos garantir o cumprimento do convenio provincial de hostalaría ante as graves vulneracións que se rexistran na actualidade en cuestións como abono de nocturnidades, categorías profesionais ou vacacións.