A CIG-Servizos faise coa maioría absoluta no comité das cafetarías do Álvaro Cunqueiro
A federación de Servizos da CIG fíxose coa maioría absoluta no comité de empresa de APeTéCeMe, concesionaria do servizo da cafetaría do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ao lograr 3 dos 5 representantes que se escollían.
A candidatura da central sindical que concorreu ao proceso de eleccións sindicais celebrado recentemente obtivo un total de 30 votos, 25 no colexio de especialistas e 5 entre o persoal técnico e administrativo, conseguindo 3 dos 4 delegados/as que se escollían no colexio de especialistas. O resto da representación (1 delegado/a en especialistas e 1 en técnicos/as e administrativos/as) foi para a UGT, que sumou 15 votos (9 en especialistas e 6 en técnicos/as e administrativos/as).
Cabe salientar que se trata da primeira vez que se escolle representación sindical na empresa, que conta con 52 traballadores/as e que xestiona as tres cafetarías do hospital Álvaro Cunqueiro.
Dende a CIG-Servizos agradecen a confianza depositada polo persoal de APeTéCeMe no proxecto sindical que representa a central nacionalista e adiantan que a súa representación na empresa traballará de agora en diante para garantir o cumprimento do convenio de hostalaría co obxectivo de rematar coas xornadas de traballo “abusivas” e coa “explotación laboral” e as “condicións deplorábeis” no túnel de lavado. Unhas condicións que mesmo poderían incumprir a normativa en prevención de riscos laborais e en materia sanitaria pola falta de persoal e os altos ritmos de traballo.
Outro dos obxectivos será lograr a equiparación das condicións laborais dos empregados/as das concesionaria co persoal do Sergas, tal e como acontece no caso dos servizos de limpeza e cociña deste centro hospitalario.