A CIG-Servizos exixe á Xunta de Galiza que asuma a súa responsabilidade na folga de SAF
A conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, contestaba este mércores, no pleno do Parlamento, a unha pregunta do BNG sobre as condicións laborais das traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar. Na bancada de convidadas, catro delegadas da CIG dos SAF de Moaña, Santiago, Lugo e Ferrol, xunto coa secretaria nacional da federación de Servizos, Transi Fernández, escoitaban atónitas a súa intervención acusando á CIG de “facer política” co conflito e eludindo calquera responsabilidade na súa situación.
“Claro que é facer política defender unhas mellores condicións laborais e salariais para as traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar. Como tamén é facer política, pero contra os intereses das persoas dependentes que precisan deste servizo e contra as traballadoras, fartas da precariedade laboral que padecen, o que fai a Xunta de Galiza”, afirma Fernández.
A secretaria nacional da CIG-Servizos lembra que o goberno galego, sustentado polo Partido Popular, financia o 70% do servizo e que o 30% restante teñen que poñelo os concellos. Un servizo que, como lembraba na súa intervención a conselleira, é de titularidade municipal, pero para o que “non todos os concellos galegos dispoñen dos mesmos orzamentos para destinar” matiza Fernández.
Esta situación supón, segundo a secretaria nacional de CIG-Servizos, “un agravio comparativo entre as persoas dependentes, en función de onde vivan, porque non van poder acceder aos mesmos recursos nin, polo tanto, aos mesmos dereitos, pero que tamén alimenta a precariedade”, explica, “e iso sábeo ben a Xunta, á que non lle importa en absoluto”.
Unha precariedade que se traduce en salarios de, como máximo, 800 euros ao mes, por garantir os coidados que precisan centos e centos de persoas maiores que precisan axuda diaria para atender, en moitos casos, as súas necesidades máis básicas. Un traballo que, por outra banda, non semella valorar a Xunta porque, na súa intervención, non tivo reparo ningún en apoiar un preacordo de convenio que establece unha dupla escala laboral e que vai provocar que haxa traballadoras que cobren unha cantidade nun concello e outra no concello do lado.
“Á conselleira de Emprego, que tamén é de Igualdade, preocúpalle ben pouco a igualdade e que, polo feito de que sexa un traballo de coidados e desenvolvido por mulleres estea pouco valorado e peor pagado”, sentencia Fernández.
A secretaria nacional de CIG-Servizos vai máis alá e denuncia como os concellos acaban outorgando as concesións ás empresas que presentan a proposta máis barata, a sabendas de que, de onde van sacar os beneficios é de empeorar as condicións laborais “e o que é peor, “tamén o sabe a Xunta, que promove a concesión destes servizos, malia o seu carácter esencial, cando deberían ser públicos e prestados pola propia administración”, insiste Fernández.
Así as cousas, o Consello Galego de Relacións Laborais aceptou a proposta da CIG de convocar unha xuntanza e intenta reunir ás partes para abordar a actual situación, toda vez que, a pesar de estar asinado o preacordo, aínda non foi asinado o convenio definitivamente. “Isto significa que non hai convenio e que, polo tanto, temos que sentar para analizar o estado da cuestión”.
A secretaria nacional incide na grande implicación das traballadoras, que continúan mobilizándose a diario e secundando unha folga coa que reclaman a dignidade e o recoñecemento social que teñen sobradamente merecido”.
Mobilizacións convocadas para o venres 11
- A Coruña: ás 09:30h, concentración diante do Concello
- A Guarda, ás 11h, concentración diante do Concello
- As Neves: ás 11h, concentración diante do Concello
- Cambre: 12:30h, concentración diante do Concello
- Covelo: ás 11h, concentración diante do Concello
- Láncara: ás 11:30h, concentración diante do Concello
- Moaña: ás 11h, concentración diante do Concello
- Mos: ás 11h, concentración diante do Concello
- O Carballiño: ás 14:30h, concentración diante do Concello
- O Porriño, ás 11h, concentración diante do Concello
- Oroso: ás 11h, concentración diante do Concello
- Ourense: ás 11h, concentración diante do Concello
- Pazos de Borbén: ás 11h, concentración diante do Concello
- Ponteareas: ás 11h, concentración diante do Concello
- Redondela: ás 11h, concentración diante do Concello
- Salceda: ás 11h e ás 17h, concentración diante do Concello
- Tomiño, ás 11h, concentración diante do Concello
- Vigo: ás 11h, concentración diante do Concello