A CIG-Servizos denuncia que un home con síndrome de Down leva máis de ano e medio agardando polo certificado de discapacidade
A CIG-Servizos da Coruña denuncia a intolerábel demora na resolución das solicitudes de recoñecemento do grao de discapacidade por parte da Consellaría de Política Social. A federación da CIG ten coñecemento da situación precaria na que se atopa un mozo de 23 anos con síndrome de Down que non pode acceder ao mercado laboral nin presentarse a unhas oposicións públicas, malia ter unha titulación académica, porque a Consellaría non dá resolto a súa solicitude.
A central entende que esta demora se debe á falta de persoal, pois a pesar dos reforzos no servizo parece claro que o número de empregadas e empregados públicos destinados a estas tarefas segue a ser insuficiente para sacar adiante as resolucións nun tempo razoábel. De igual xeito que está a acontecer coas unidades de valoración da dependencia.
Hai que sinalar que a persoa afectada (que acudiu coa súa familia a asesorarse na CIG) leva agardando pola certificación máis de ano e medio. Ao principio, explica dende a CIG-Servizos, cando chamaban á Consellaría para se informar do estado do expediente, a resposta era que, como mínimo, tardarían un ano en resolver a solicitude. Mais transcorrido este prazo, cada vez que contactan coa administración a resposta segue a ser que ten que agardar.
Pero esta dilación estalle a provocar un grave prexuízo ao mozo, por non poder incorporarse ao mercado laboral. Se vai na procura dun traballo, o primeiro que lle piden nas empresas é a certificación do grao de discapacidade, pois esta contratación está bonificada. E o mesmo lle acontece cando pretende presentarse a unha oferta de emprego público: sen a certificación non pode optar as prazas reservadas para persoas con discapacidade.
A familia tamén presentou xa dúas reclamacións na Valedora do Pobo con nulo resultado. Diante disto, a CIG-Servizos da Coruña, reclámalle ao Goberno galego menos propaganda e promesas electorais e máis investimentos en persoal e nos servizos públicos, para que un simple procedemento administrativo non se converta no gran cabalo de batalla para poder acceder a un traballo e ter unha vida digna.