A CIG denuncia que CCOO, UGT, Fetico e Fasga asinaron un convenio de grandes almacéns a medida das empresas do Ibex 35
Os sindicatos estatais CCOO, UGT, Fetico e Fasga asinaron o pasado mércores un convenio colectivo estatal de grandes almacéns feito á medida das empresas do Ibex 35, tal e como denuncian dende a CIG-Servizos. O acordo, que regulará as condicións laborais de máis de 240.000 persoas, supón unha perda de poder adquisitivo, até o punto de que o grupo profesional máis baixo non chegaría a cobrar nin o SMI se non fose polas catro pagas extraordinarias.
Estas catro centrais precisaron pouco máis dun mes para pactar o novo convenio coa patronal (Alcampo, Carrefour, El Corte Inglés, Ikea, Leroy Merlín, etc), representada pola Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución (ANGED), xa que a mesa negociadora consituirase o pasado 22 de febreiro. Pola parte sindical participaron un total de 15 persoas: 6 da Fetico, 2 da Fasga, 2 de CCOO, 2 da UGT, 1 da CIG, 1 de LAB e 1 de ELA.
Segundo explican na CIG-Servizos, o empresariado propuxo dende o primeiro momento a moderación salarial, que pasaba por non aplicar ningún incremento salarial, ademais de fomentar o teletraballo e traballar máis domingos e festivos. A negociación coincidiu coa tramitación do ERTE presentado polo Corte Inglés, “polo que o convenio foi feito a medida das grandes empresas do Ibex 35”.
Dende a central indican que durante as conversas botaron de menos as achegas dos outros sindicatos, “xa que se conformaron simplemente con debater as propostas de ANGED”. Por parte da CIG, en cambio, propuxeron incrementos salariais dignos, aumentos de xornada para os tempos parciais (80% deste sector) e sobre todo a non obrigación de traballar en domingos e festivos, así como que as licenzas fosen en días hábiles, entre outras cousas.
“Por desgraza, na reunión celebrada o 24 de marzo, Fetico, Fasga, CCOO e UGT, así como ANGED, representaron unha das mellores funcións cómico-dramáticas da historia do convenio, digna de premio á mellor dirección; o resultado foi que aceptaron pactar unha vez máis un convenio que no mellora para nada as nosas condicións económicas e sociais e que nos deixa moi lonxe de convenios do mesmo sector”. De feito, o persoal perde poder adquisitivo, até o punto de que calquera persoa traballadora no sector de alimentación en Galiza cobra máis ao mes. “Se non fose polas catro pagas extras, o grupo Base non chegaría nin ao SMI”.
Ademais, na CIG entenden que o incremento do salario variábel non se vai dar porque seguirá ligado ao IPC dos comercios de grandes superficies. “A comisión mixta do convenio vai valorar anualmente se se incrementa ou non, e vai ser isto último o que aconteza, que non vai subir”.
Máis precariedade e flexibilidade
Os sindicatos asinantes pactaron tamén o fomento da venda online, “precarizando e flexibilizando aínda máis as condicións laborais e fomentando a mobilidade funcional e xeográfica”. Traballar cinco domingos máis, “a porta pechada, como furtivos/as; falan de voluntariedade, pero non é certo porque se ninguén se presenta voluntario/a escollerán a quen queira ir”. E só aumentan un 30% a hora ordinaria, “nin dous euros”.
Por iso dende a CIG-Servizos critican un acordo que penaliza a un sector que foi “esencial” durante a pandemia e no que as empresas aumentaron os seus beneficios. “Pero agora o que fan é pagarlle aos seus traballadores/as con migallas; non valoran todo o esforzo que fixeron neste tempo, as horas traballadas de máis, a falta de medidas de protección e de seguridade, etc”.
E iso malia que a CIG intentou durante a negociación introducir propostas de cara a mellorar as condicións económicas e sociais. “Pero non foi posíbel porque xa teñen lacaios que se venden por nada; nin tan sequera fixeron asembleas para decidir se asinar ou non; deciden as cúpulas, as marionetas, os que deben favores, os que gañan eleccións sindicais vendéndose ao patrón; de feito, cando rematou a reunión, en menos de cinco minutos tiñan xa elaborados seus carteis publicitarios alardeando de tan grandioso acordo”, censuran.
Por iso queren deixar moi claro que a central sindical nunca asinará un convenio que atenta contra as persoas traballadoras, que non as valora e que fai que sexan máis pobres cada día. “O noso foi un non rotundo a estes convenios que nos obrigan a traballar en domingos e festivos, e que fan que non cheguemos a fin de mes”. Finalmente, instan os traballadores/as do sector a analizar o convenio e a preguntarse se poden seguir sendo enganados/as polos sindicatos que asinaron”.