A CIG-Servizos denuncia os intentos de OHL Servicios Ingesan de criminalizar as traballadoras de axuda no fogar
A CIG-Servizos denuncia a actitude de OHL Servicios Ingesan (empresa que presta o servizo de axuda no fogar de Narón) coas traballadoras que están en situación de IT, pois, lonxe de analizar as cusas pola que existe un elevado índice de absentismo no servizo e adptar as medidas preventivas necesarias para corrixilo, está a tomar medidas "que criminalizar o persoal".
En febreiro deste ano, a compañía contratou unha empresa para controlar os procesos de IT do persoal, "poñendo en custión a legalidade das baixas e polo tanto poñendo en cuestión tanto o facer do persoal médico do SERGAS como a honestidade do persoal traballador".
Por outra banda, explica a CIG-Servizos, a empresa está a presionar o persoal en activo para que cubran as xornadas do persoal en IT, "o que está a provocar sobre esforzos que sen dúbida terán un efecto contrario ao perseguido, pois conlevarán con toda probabilidade o aumento de baixas no servizo".
Fran Cartelle, da Executiva da CIG-Servizos de Ferrol, cualifica de "intolerábel que se cuestione a honradez do persoal non adoptando as medidas organizativas e preventivas precisas e culpándo aínda por riba ao persoal por estar de baixa".
Neste senso, subliña que as mulleres do SAD "teñen amosado día a día e mesmo nunha recente pandemia, o encomiábel papel social que xogan e o seu compromiso co coidado e atención dos nosos maiores. A cambio OHL entrégalles sobre esforzos, criminalización e salarios desactualizados por debaixo dos establecidos no convenio colectivo".
A CIG-Servizos esixie que se deixe de perseguir ás auxiliares polo simple feito de estar enfermas, que se deixe de presionar o persoal para que cubra xornadas a maiores producindo así un sobrecarga que deteriora a súa saúde e provoca máis baixas e que abonen os salarios conforme o establecido no convenio colectivo.
Adiantan que a CIG emprenderá as accións necesarias para defender os intereses das traballadoras e a legalidade vixente "pese a quen lle pese".