A CIG-Servizos denuncia a xestión de DomusVi no centro sociocomunitario Manuela Pérez Sequeiro de Narón

Narón - 05 Mar 2026

A CIG-Servizos de Ferrol advirte da grave situación laboral que se está a vivir no centro sociocomunitario Manuela Pérez Sequeiro, no concello de Narón, como consecuencia directa da xestión da empresa DomusVi, concesionaria do servizo, e da falta de control por parte da administración responsábel.

Na actualidade, preto da metade do cadro de persoal atópase de baixa, moitas destas baixas vinculadas a problemas de saúde derivados do propio traballo, como cadros de ansiedade e estrés laboral. Esta situación, denuncia a secretaria da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández, “é consecuencia dun clima laboral insostíbel xerado polas decisións organizativas impostas pola dirección do centro baixo a xestión de DomusVi”.

Explica que a empresa está a aplicar criterios desiguais, cambios continuos na organización do traballo sen negociación nin comunicación previa, así como unha sobrecarga de tarefas incompatíbel cos medios humanos existentes. O persoal alerta tamén da existencia dun ambiente de presión, medo e intimidación, “no que expresar discrepancias ou denunciar irregularidades pode supoñer represalias por parte da directora do centro”.

A xestión de DomusVi, engade Fernández, está a ter consecuencias moi graves, non só na saúde das persoas traballadoras, senón tamén na calidade da atención que se presta ás persoas usuarias, un feito absolutamente inaceptábel nun servizo público de carácter social.

A CIG xa trasladou esta problemática á persoa responsábel de Recursos Humanos pero a día de hoxe “aínda estamos esperando que se adopten medidas reais e eficaces para poñer fin a esta deriva”.

Un exemplo do "caciquismo" que se está a padecer neste centro e do que se lle deu traslado ao departamento de RRHH son os chamados "venres de vermú". “Nese día da semana, tanto a dirección como o persoal que é considerado afín, gozan en horario laboral e á vista de todos os usuarios e usuarias dun aperitivo, do que por suposto quedan exentas o resto das persoas traballadoras”, critica Fernández.

A respecto destas prácticas, a CIG traslada o malestar xerado pola permisividade institucional ante unha xestión empresarial que está a deteriorar gravemente o funcionamento do centro.

Por todo isto, a CIG-Servizos de Ferrol esixe:

  • O cesamento inmediato das prácticas de presión e abuso por parte da dirección do centro.
  • Medidas urxentes para protexer a saúde laboral do persoal.
  • Garantías reais de respecto á dignidade laboral e á liberdade de expresión das traballadoras e traballadores.