A CIG-Servizos denuncia a sobrecarga de traballo do persoal da limpeza dos edificios municipais de Lugo
A CIG-Servizos quere denunciar a situación insostíbel na que se atopa o servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Lugo (casa consistorial, centros sociais, culturais, colexios etc.), que está prestando a empresa Lacera en situación de prórroga dende o ano 2016.
A non actualización do contrato levou a que Lacera non estea a cubrir as baixas do persoal que cae enfermo, amparándose en que ao estar o contrato caducado non houbo ningunha suba económica por parte do Concello e non pode afrontar ese gasto.
Isto supón, denuncia Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo, que as traballadoras teñan que asumir unha sobrecarga de traballo para poder prestar o servizo e que este non se poida atender de maneira adecuada. Algo que considera especialmente grave nunha situación de pandemia como a que estamos a vivir, na que cómpre redobrar as tarefas de limpeza e desinfección e cando xa se deron novos gromos nos centros educativos.
A CIG-Servizos considera inaudito este desleixo por parte do Goberno municipal nun servizo considerado esencial como a limpeza, e xa se dirixiu á Concellaría de Medio Ambiente de Lugo para urxir que se proceda a licitar canto antes o novo contrato porque, advirte Castiñeira, "na situación actual non se pode garantir o cumprimento dos protocolos de limpeza nos edificios municipais".
De igual maneira, reclama que se aproveite a elaboración dos novos pregos para introducir unha mellora nas condicións laborais (sobre todo en materia de xornada) e salariais do persoal que presta o servizo para que dunha vez se dignifique esta actividade.