A CIG logra a readmisión da delegada da residencia Soremay de Pontevedra que fora reprimida sindicalmente
A federación de Servizos da CIG de Pontevedra logrou finalmente a readmisión de delegada do comité de empresa da residencia da terceira idade Soremay que fora despedida o ano pasado pola súa actividade sindical. A dirección recoñeceu finalmente a improcedencia da rescisión de contrato e optou pola súa readmisión antes da celebración do xuízo previsto para o pasado 24 de maio.
Dende a central sindical valoran moi positivamente unha decisión que “evidencia que o despido só respondía á intención de perseguir o traballo sindical da nosa compañeira Sandra Iglesias”, ao tempo que agradecen o apoio e a solidariedade amosada por todas as persoas que participaron nas distintas mobilizacións convocadas para reclamar a súa readmisión.
A decisión da empresa evidencia que o despido só respondía á intención de perseguir o traballo sindical da nosa compañeira
A CIG sostivo dende o primeiro momento que a rescisión do contrato era un claro caso de represión sindical e cualificaron a decisión da empresa de “inxusta e arbitraria” e sen fundamento algún no estritamente laboral, “xa que esta compañeira xamais tivo ningún tipo de queixa, nin por escrito nin de maneira verbal, con anterioridade ao despido.
De feito, asegurou que respondía a unha represalia polo traballo sindical da delegada, representante da CIG no comité de empresa. Xa que a súa situación laboral mudou radicalmente no momento en que se iniciou o proceso de eleccións sindicais na residencia, en marzo de 2022, saíndo elixidas delegadas pola CIG ela e máis outra compañeira. “Dende ese intre as dúas traballadoras son sometidas a moitas presións, tanto pola xerencia como polas outras delegadas, de CCOO e UGT”.
Pero a situación empeora aínda máis cando no mes de xuño se produce un cambio de dirección na residencia, “a partir do cal a xerencia somete a traballadora a un acoso e a unha persecución enorme, como resposta unicamente ao traballo sindical que a despedida facía non seu centro de traballo co único obxectivo de tratar de defender os dereitos das súas compañeiras, recollidos no convenio colectivo”.
En consecuencia, a centra sindical anunciara que non ía permitir que este tipo de accións quedasen impunes, polo que puxo o caso en mans da asesoría xurídica para preparar o recurso para reclamar a nulidade do despido, ao tempo que iniciou un calendario de mobilizacións que se prolongou até logra a readmisión da traballadora.