A CIG-Servizos de Ourense mobilízase contra a represión sindical en Eulen
Representantes sindicais da CIG-Ourense concentráronse hoxe diante das oficinas de Eulen para rexeitar publicamente a represión sindical que a compañía está a exercer contra a representación da central sindical no comité de empresa e a “vulneración constante” dos dereitos laborais e sindicais, entre eles o dereito de información.
Dende a federación de Servizos explican que a mobilización, que tivo lugar a partir das 11:00 horas na rúa Camiño Caneiro 19, coincide coa celebración de dous xuízos nos Xulgados do Social de Ourense. “Un deles pola inxusta sanción imposta ao presidente do comité de empresa e o outro polo despedimento do compañeiro que lle acudía de testemuña”.
Segundo denuncian, a práctica “represora e abusiva” agudizouse nos últimos tempos, “coincidindo coas reivindicacións do noso sindicato para mellorar as medidas de prevención contra a covid ou incrementar as xornadas parciais en lugar de realizar horas extraordinarias”.
Finalmente, sinalan que o que está a acontecer na empresa “é de tal gravidade que mesmo estamos valorando a posibilidade de acudir á vía xurisdicional do penal por posíbeis delitos contra a liberdade sindical”.