A CIG-Servizos de Ourense gaña as eleccións en Tendeus, Gesmedical-Dis e Ecourense UTE
A federación de Servizos da CIG gañou con solvencia as eleccións sindicais celebradas recentemente en tres importantes empresas de Ourense, sumando un total de 11 representantes: Ecourense UTE, Tendeus e Gesmedical-Dis. Nas dúas últimas compañías era a primeira vez que se escollía representación.
No caso de Tendeus, dedicada ao comercio ao por maior e distribución de elementos de electrónica, accesorios e informática, a central fíxose cos 3 delegados/as de persoal que se escollían a pesar de que dende o momento no que a CIG convocou as eleccións as presións por parte da empresa foron constantes, con reunións telemáticas co persoal, correos electrónicos pedindo que non se votara á central nacionalista e montando ela mesma a candidatura de CCOO e UGT. “Mais o persoal aguantou a presión e a CIG fíxose coa totalidade da representación nunha compañía cuxo principal cliente é a transnacional e antisindical Amazon”, sinalan dende a CIG-Servizos de Ourense.
En Gesmedical-Dis, que xestiona residencias de maiores e axuda a domicilio e que ten un cadro de persoal de 220 persoas, era a primeira vez que se escollía un comité provincial. Tras as eleccións sindicais, 5 delegadas/os foron para a CIG e 2 para cada un dos outros sindicatos que concorreron ao proceso (CCOO e UGT).
Por último, na concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Ourense competían seis candidaturas para escoller os 9 membros do comité. Cada unha das empresas de Ecourense UTE (FCC e Copasa) “apadriñaba” a súa propia candidatura, STL e USO respectivamente, “tendo estas o poder engadido de manexar a contratación eventual ao seu antollo”. Pois tamén neste caso o golpe de autoridade foi claro, con 72 votos e 3 representantes para a CIG. Lonxe quedou o STL con 42 votos e 2 delegados/as, mentres que a USO, CCOO, UGT e CGT obtiveron cadanseu delegado/a.