A CIG-Servizos convoca folga e mobilizacións por condicións dignas no comercio galego

Desenvolverá concentracións en todo o país este venres 17 de xullo e o próximo 7 de agosto e dous días de paros o 26 de xullo e o 15 de agosto
Nacional - 13 Xul 2026

O comercio galego encara un verán quente despois de que a CIG-Servizos veña de anunciar a continuación da campaña para reclamar condicións dignas e salarios xustos e reverter a precariedade instalada no sector. Esta campaña, iniciada coas concentracións dos pasados 6 e 27 de marzo e a xornada de folga do xoves 2 de abril, incluirá concentracións este venres 17 de xullo e o 7 de agosto nas sete comarcas e dous novos paros de 24 horas en todo o comercio de Galiza os días 26 de xullo e 15 de agosto.

Dende a central sindical sinalan que o comercio está a sufrir grandes cambios estruturais, debido sobre todo ao aumento do comercio electrónico, que teñen como consecuencia unha precarización constante das condicións de traballo no noso país. De xeito que este sector, altamente feminizado e cun índice moi elevado de contratos a tempo parcial, sigue sendo un dos que peor permite conciliar vida familiar e laboral, xa que moitas empresas traballan a quenda partida e os festivos e domingos que a Xunta permite abrir “fanse de xeito obrigatorio e sen ningún tipo de compensación a cambio, mesmo incumprindo o descanso diario e semanal regulado por lei”. 

Os salarios son de subsistencia e apenas superan o SMI en moitos dos convenios do sector: retribucións de miseria que non recoñecen nin responsabilidade, nin polivalencia, nin cantidade e calidade do traballo feito, mentres as empresas logran ano tras ano beneficios multimillonarios

Ao mesmo tempo, as compañías reducen día a día os cadro de persoal e aplican sistemas de traballo e organizativos que empeoran as condicións laborais, con cargas de traballo excesivas e falta total de cobertura de baixas, vacacións e licenzas, o que se traduce en presión e ritmos de traballo máis elevados. Estas decisións repercuten directamente na calidade do servizo, pero sobre todo na saúde das persoas traballadoras, provocando que os procesos de incapacidade temporal por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade teñan aumentado considerabelmente.

Ademais, os salarios son “de subsistencia” e apenas superan o SMI en moitos dos convenios do sector. “Retribucións de miseria que non recoñecen nin a responsabilidade, nin a polivalencia, nin a cantidade e calidade do traballo feito, mentres as empresas logran ano tras ano beneficios multimillonarios”, censuran na CIG.

Ataque a negociación colectiva na Galiza

Por si todo isto fose pouco, a patronal estatal está a atacar agora “brutalmente” a negociación colectiva en Galiza coa “necesaria complicidade” dos sindicatos estatais, “abrindo mesas negociadoras en Madrid que só serven para recortar dereitos conquistados tras anos de mobilizacións e folgas”.

Exemplo disto son o convenio de ARTE, que xa está a provocar que o persoal das grandes cadeas de téxtil e calzado teña menos dereitos e salarios que as persoas traballadoras cuxas condicións se rexen polos convenios provinciais, ou a mesa negociadora do Acordo Marco de Distribución Alimentaria, “que vai supoñer recortes na nosa capacidade de negociación nas provincias, e polo tanto nos nosos dereitos”.

A CIG entende que o comercio galego non pode vivir instalado na constante precariedade, polo que continuará traballando, mobilizando e negociando para defender os dereitos das milleiras de persoas traballadoras do sector, xa que “sen persoal non hai comercio e sen condicións dignas non hai futuro”.

Principais reivindicacións da CIG para o sector

  • Incremento dos cadros de persoal, convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
  • Descanso e conciliación, con quendas e horarios estables que non sufran modificacións diarias ou semanais, que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que respecten o descanso diario e semanal e a voluntariedade de traballar en domingos ou festivos.
  • Salarios xustos, implementando nos vindeiros convenios pluses que recoñezan o valor do traballo e retribúan aspectos como responsabilidade, polivalencia ou dispoñibilidade.
  • Acordo marco galego conformando unha mesa de negociación que traballe na consecución dun Acordo Marco Galego de Comercio que recolla as necesidades específicas de todo o comercio galego e que protexa a negociación provincial fronte a estatal.
LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓN DO VENRES 17 DE XULLO

-Vigo: centro comercial Vialia ás 12:00 horas.

-A Coruña: centro comercial Marineda ás 12:00 horas.

-Ferrol: Alcampo (polígono da Gándara: ás 12:00 horas.

-Lugo: Confederación de Empresarios (praza Santo Domingo) ás 12:00h.

-Vilagarcía: Alcampo (Avenida das Carolinas) ás 12:00 horas.

-Santiago: Alcampo (CC Área Central) ás 12:00 horas.

-Ourense: centro comercial Ponte Vella ás 11:00 horas.