
A CIG-Servizos concéntrase no Froiz de Melide para denunciar a precariedade laboral que sofre o persoal

A CIG-Servizos desenvolveu esta mañá unha concentración diante do Froiz de Melide, inserida na campaña de denuncia contra a precariedade que sofre o persoal desta empresa.
Lucía Freire, representante da CIG-Servizos, explicou que un dos graves problemas do persoal é a sobrecarga de traballo, provocada pola non cobertura de baixas, vacacións e ausencias en xeral que, “pola falta de planificación e previsión da dirección da empresa, obrigan as traballadoras e traballadores a asumir o traballo das e dos compañeiros ausentes”.
Xunto a iso informou que veñen de coñecer que a empresa descontou salario a unha traballadora da empresa por desfrutar dos cinco días hábiles aos que tiña dereito pola hospitalización dun familiar.
Freire alertou de que esa sobrecarga de traballo está, á súa vez, provocando enfermidades músculo-esqueléticas, psicolóxicas, estrés e ansiedade. Xunto a isto, asegurou que “as persoas que están de baixa por IT teñen que soportar presións por parte do departamento de Recursos Humanos que presiona ás traballadoras e traballadores para que reduzan as súas baixas sen a máis mínima consideración sobre o seu estado de saúde. Ademais estamos detectando casos de persoas en I.T ás que non se lle está aboando o 100% do seu salario, tal e como estipula o convenio ”.
Asignación de tarefas de limpeza de retretes e zonas común

A CIG-Servizos denuncia ademais que non se están a compensar as novas tarefas de limpeza das instalacións, malia a sección sindical ter solicitado o pagamento dun “plus de limpeza” que a empresa se nega a pagar a pesar de non figurar entre as súas funcións iniciais.
A central sindical rexeita a actitude de Froiz por negarse a conceder licenzas retribuídas ou días de asuntos propios, poñendo mesmo impedimentos nalgúns centros para coller as vacacións de verán ou a negativa da empresa a cumprir os acordos de promoción automática, abono de horas extra e de transparencia á hora de aboar as comisións.
Todo isto supón un flagrante incumprimento do convenio colectivo que está a provocar a precarización do persoal nun sector no que as condicións, tanto salariais como laborais son xa, de por si, precarias.
Por iso, con esta mobilización a CIG reclama unha solución inmediata por parte de Froiz, o escrupuloso cumprimento do convenio e que se garantan unhas condicións laborais dignas para todo o persoal.
A sección sindical escolleu este centro de traballo polo trato que reciben as traballadoras e traballadores por parte das responsables do centro, que, para tentar illar ás persoas delegadas da CIG, castigan cos peores postos a quen se relacionan con elas e quen exixen os seus dereitos ademais de negarllo receben o mesmo castigo.