A CIG-Servizos concéntrase no Eroski de Volta do Castro contra a represión sindical
A CIG-Servizos de Compostela concentrouse esta mañá diante do Eroski de Volta do Castro, para denunciar a represión sindical que está a padecer un delegado do sindicato despois de recriminarlle a unha delegada de CCOO o “miserento” convenio recentemente asinado.
Tal e como explica a representante de CIG-Servizos, Lucía Freire, este delegado sindical foi sancionado cunha falta moi grave e con suspensión de emprego e soldo durante 16 días logo de cuestionarlle a unha delegada de CCOO o contido do convenio asinado o pasado mes de decembro.
A empresa chegou mesmo a abrir un protocolo de acoso contra o traballador que finalmente foi arquivado porque carecía de fundamento.
Eroski, para sancionalo, baséase en supostas afirmacións que, segundo afirma Freire, que estaba ademais presente, “son falsas”. Fronte a isto a CIG ten previsto presentar unha demanda contra a empresa pola súa actuación desproporcionada contra o representante da central sindical, que “non terían sancionado de non ser da CIG”.
Lucía Freire non descarta ademais que se adopten outras medidas para denunciar publicamente feitos tan graves como este.