A CIG-Servizos asina varios convenios de empresa en Vigo e Nigrán que melloran as condicións laborais
A federación de Servizos da CIG de Vigo asinou durante os últimos días do ano 2017 seis convenios de empresa que permiten mellorar as condicións laborais e salariais dos traballadores/as.
Dende a central valoran moi positivamente os acordos e salientan o feito de que ter a maioría no comité ou ser o único sindicato con representación na empresa permite lograr importantes avances. “A nosa política sindical de dotar os centros de traballo de convenios colectivos propios está a dar moitos froitos á hora de mellorar as condicións”, indican.
Limpeza colexios públicos Vigo
Empresa Mantelnor. O cadro de persoal está formado por 165 persoas -o 98% mulleres con contratos a tempo parcial- cun comité de nove onde a CIG ten a maioría (seis delegadas). O convenio establece 35 horas semanais e tres pagas extras completas, mentres que unha cuarta paga farase completa en 2019. O incremento salarial supera o 3%; inclúe cunha cláusula para os tempos parciais que garante que en caso de xubilación, incapacidade temporal, ampliación de centro ou cese voluntario as horas deixadas pasarán ás compañeiras/os que non teñan xornada completa. Isto suporá un aumento para as que teñan a posibilidade de conseguila, co que se garante non perder as xornadas. O plus de antigüidade será do 5% do salario base cada tres anos, o que significa un aumento do 1,68%.
Limpeza dependencias municipais Vigo
Empresa Mantelnor. Cadro de persoal de 77 persoas -o 70 % mulleres a tempo parcial-, cun comité de cinco onde a CIG ten a maioría con tres delegadas. Convenio de 36,5 horas á semana con tres pagas extras completas e cunha cuarta paga fixada en 320 euros. O incremento salarial supera o 3%; incorpora unha cláusula para os tempos parciais que garante que en caso de xubilación, incapacidade temporal, ampliación de centro ou cese voluntario as horas deixadas pasarán ás compañeiras/os que non teñan xornada completa. Terán aumento as que teñan a posibilidade de conseguila, co que se garante non perder as xornadas. O plus de antigüidade é do 5% do salario base cada tres anos, o que supón un aumento do 1,68%. No ano 2020 o plus de transporte de 98 euros pasará a formar parte do salario base, aumentando por tanto o salario e as pagas extras.
Limpeza hospital Álvaro Cunqueiro
Empresa Acciona. Cadro de persoal de180 persoas, con comité de nove onde a CIG ten a maioría con cinco delegadas. Convenio de 37,5 horas semanais, equiparadas ao persoal subalterno do Sergas. Creáronse tres novos pluses: de aparcadoiro (115 euros); de axuda escolar (70 euros); e de discapacidade (100 euros).
Real Club Celta
Regula as condicións do club. O comité de nove delegados/as ten unicamente representación da CIG. O convenio incorpora importantes melloras, sobre todo a nivel salarial: os soldos aumentan un 9%, consolidándose a antigüidade e incluíndo ademais catros pagas extraordinarias. Os aspectos socias foron mellorados con respecto ao Estatuto dos Traballadores/as.
Recollida lixo Nigrán
Empresa Ferrovial. Cadro de persoal de 22 traballadores/as. A representación sindical é un delegado da CIG. O convenio terá un ano de duración e fixa un incremento de 400 euros anuais. Só se negociaron incrementos salariais dado que a concesionaria está pendente de revisión de prezos.
Conservación parques infantís Vigo
Empresa Ferrovial. Cadro de persoal de seis traballadores/as. Representación sindical, un delegado da CIG. Logrouse facer un convenio de empresa para a concesionaria, que até o de agora aplicaba o estatal de Químicas. O que se vén de asinar, ao ser o primeiro, incorpora múltiples cuestións e importantes melloras:
-Incrementos salariais por enriba do IPC (1,7%), con revisión salarial.
-Baixas ao 100%.
-Tres pagas extras.
-Pus de antigüidade
-Cláusula de subrogación.
-Permiso retribuído para consultorios médicos.
-Tres días de asuntos propios.