A CIG-Servizos alerta da perda dun cento de empregos no sector da seguridade privada en Galiza
A federación de Servizos da CIG alerta sobre a desaparición de arredor dun cento de empregos no sector da seguridade privada en Galiza no caso de que se confirmen os plans do secretario xeral de Institucións Penitenciarias de encargarlle a vixilancia exterior das prisións a Policía e Garda Civil.
O recente anuncio do responsábel de Institucións Penitenciarias, Ángel Ortiz, produciuse xusto despois da presión exercida polos/as funcionarios/as de prisións para reclamar un aumento de persoal e a mellora das condicións laborais, sendo precisamente a substitución da seguridade privada do exterior das cadeas pola pública unha das súas reivindicacións.
Dende a CIG-Servizos pregúntanse de que xeito inflúe esta medida á mellora das condicións laborais do persoal de prisións, “cando nin sequera conseguiron a creación de máis postos de traballo”. O secretario de Organización da federación, Pedro Pérez, denuncia que, pola contra, o que si logran con este anuncio é a destrución de case un cento de empregos no noso país.
Lembra que a central “sempre defendeu e seguirá a defender” os postos de traballo destes vixiantes de seguridade, “aínda que outros/as continúen atacándoos/as con descualificacións e desprezos polo mero feito de non seren empregados/as públicos/as, sen ter en conta a súa profesionalidade a pesar de desenvolver o seu traballo con escasos medios tanto técnicos como humanos”.
Traballo ben valorado
Ademais, critica “o sectarismo e clasismo doutras épocas” do que se fai gala ao ir en contra de compañeiros/as “que teñen que facer o seu traballo en condicións precarias polas eivas da propia Administración” e o feito de que “haxa quen veña agora con populismos para tranquilizar a uns/has e contentar a outros/as, non tendo en conta o persoal afectado e poñendo en perigo os seus postos de traballo”.
Finalmente, salienta que a labor realizada polos/as empregados/as da seguridade privada nos centros penitenciarios “está moi ben valorado, ou polo menos isto indican os informes de seguridade privada avalados pola Administración, para que veñan con estes anuncios populistas, que por outra parte non chegan acompañados por partidas económicas concretas”.
Con todo, dende a CIG-Servizos tómanse moi en serio a declaración de intencións do responsábel de Institucións Penitenciarias e adiantan que defenderán até último posto de traballo en perigo levando a cabo todas as accións sindicais que consideren oportunas.