CIG-Servizos advirte da precariedade laboral nos centros de día de AFAL Ferrolterra

Denuncia sobrecarga de traballo, aplicación dun convenio de categoría inferior, xornadas parciais ou cambios de quenda constantes
Ferrol - 02 Abr 2025

As delegadas da CIG en AFAL Ferrolterra queren denunciar publicamente a precariedade laboral que padecen as traballadoras dos centros de día da entidade, pola falta de persoal suficiente, a aplicación dun convenio de categoría inferior, contratos precarios con xornadas parciais, cambios de quendas constantes, asunción de tarefas por categorías que non corresponden, ou a denegación dos permisos retribuídos.

“A precariedade laboral na que están a traballar é indecente”, denuncia a responsábel de residencias privadas da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández. Explica que, diante de todos estes incumprimentos e irregularidades, a central presentou denuncia na Inspección de Traballo, que resolveu de xeito favorábel á representación legal do persoal e fixou un prazo de dous meses para corrixir as deficiencias.

Porén, lonxe de tentar buscar unha solución que xere un clima laboral axeitado, “a actitude do responsábel da empresa volveuse máis despótica, forzando as traballadoras a soportar un nivel de estrés psicolóxico inaceptábel, con condutas que rozan o acoso laboral”, advirte Fernández. Unha destas medidas presión da empresa é a negativa a asinar as vacacións do persoal nun intento de rachar a unidade entre as traballadoras e as súas representantes legais.

Entre outras reivindicacións, indica que ás traballadoras se lles aplica o acordo marco de dependencia, “pero entendemos que deberan estar reguladas polo convenio colectivo de residencias privadas, xa que desenvolven o seu traballo en dous centros de día (un deles concertado coa Xunta)”.

Engade que as delegadas levan máis de dous anos tentando negociar co responsábel da entidade para que se corrixan todos estes incumprimentos, sen que até agora se produciran avances. “As pésimas condicións laborais e o  maltrato por parte da  empresa  obrigan ao persoal a ter que loitar constantemente contra un empresario miserento ao que pouco parece importarlle o día a día nos centros. A CIG non vai tolerar estes abusos e faremos as accións sindicais e xudiciais que sexan necesarias”, conclúe.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.