A CIG gaña as eleccións sindicais en Zara e revalida a súa hexemonía en Bershka da provincia de Pontevedra
A federación de Servizos da CIG gañou as eleccións sindicais que se veñen de celebrar nos comités de empresa de Zara e Bershka na provincia de Pontevedra. En Zara aumentou 2 novas/os representantes con respecto ao anterior proceso (polo que logrou 6 de 13 delegadas/os), mentres que en Bershka revalidou a súa posición como única forza con presenza entre a representación do cadro de persoal.
A CIG continúa a consolidar a súa presenza nas empresas do grupo Inditex, xa que ademais de revalidar por terceira vez consecutiva a súa posición como único sindicato con representación no comité de Bershka (5 delegadas/os de 5) nesta ocasión tamén gañou as eleccións celebradas en Zara.
Nesta empresa fíxose con 6 das 13 representantes do comité ao obter 2 novas delegadas/es no colexio de especialistas. A central quedou a piques de obter tamén a maioría absoluta xa que empatou a votos co “sindicato independente” no colexio de técnicas/es e administrativas/os, aínda que o representante foi para a outra forza por ter maior antigüidade na empresa.
Bo traballo sindical no téxtil pontevedrés
No proceso a CIG sumou un total de 101 votos (6 delegadas/os) fronte aos 98 de CCOO (5 delegadas/os); a continuación situáronse a UGT con 16 apoios e 1 representante e o “sindicato independente”, con 19 votos e outro representante.
Dende a CIG-Servizos agradecen o apoio amosado polas/os traballadoras/es ás candidaturas da CIG e sinalan “o bo traballo sindical que as representantes da central están a desenvolver no grupo Inditex en particular e no sector téxtil da provincia de Pontevedra en xeral”, ao tempo que adiantan que seguirán a defender os dereitos laborais e sociais do conxunto dos cadros de persoal.