A CIG segue a reclamar a convocatoria urxente da Mesa das Pontes e aposta por retomar as mobilizacións
A CIG continúa reclamando a convocatoria urxente da Mesa para o impulso económico das Pontes (onde están presentes as distintas administracións e Endesa) diante dos numerosos incumprimentos e o anuncio do inminente despedimento do persoal da industria auxiliar "co cal se esfuman as garantías de emprego".
A central demanda concreción no cronograma de desmantelamento, compromisos de continuidade dos postos de traballo das auxiliares, así como avances claros na posta en marcha dos proxectos industriais anunciados porque "a día de hoxe a transición que se nos prometeu que sería xusta, estase a amosar como a máis inxusta".
Por iso, na reunión de "seguimento dos PIE na zona das Pontes" do pasado 31 de maio, a CIG-Industria exixiu a convocatoria inmediata da Mesa de impulso económico, dada a situación límite que vive a localidade, a constatación da falta de avances na materialización dos plans industriais e a pasividade das administracións.
Ese encontro, explica o secretario da Unión Local da CIG das Pontes, Óscar Maseda, foi convocado pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e aínda que non era o formato que se lle solicitara á Consellaría de Industria, "a CIG acudiu por responsabilidade e porque temos claro que onde se fale do futuro das Pontes alí estaremos e nos faremos escoitar".
Sobre a información trasladada na reunión de seguimento, Maseda subliña que a respecto dos proxectos que se atopan en vía administrativa "podemos afirmar que o informe que se nos presentou sobre o seu avance é moi pouco ou nada con respecto ao presentado en outubro de 2023". "Todos os proxectos están aínda na fase de trámites administrativos, presentación de documentación por parte dos promotores, resolución de alegacións mediombientais etc. En definitiva, van con atraso e sen datas concretas. E o que é máis grave, ninguén podería chegar á conclusión de que se vaian materializar de seguro".
En canto aos posíbeis novos proxectos, denuncia que "non hai nada de nada, pois dos que se fala, como outra hidroeléctrica reversíbel no lago ou unha planta de acuicultura, non pasaron do que poderiamos cualificar como meras conversas de corredor".
Neste contexto, a CIG reitera a urxencia de convocar a Mesa de impulso económico, denuncia que se consinta a Endesa executar o seu plan coa pasiva colaboración das administracións, e chama a "retomar a mobilización do pobo das Pontes na esixencia de claridade a unha aposta real polo noso futuro industrial" fronte a unha transición que na práctica é unha auténtica reconversión.