A CIG segue a mobilizarse en demanda da readmisión do traballador despedido do GES de Guitiriz
O vindeiro luns está prevista unha entrevista co Subdirector Xeral de Protección Civil na que a CIG demandará a intervención da Xunta polo despedimento dun traballador do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) en Guitiriz. A central sindical entende que a administración autonómica “ten algo que dicir neste caso” porque, segundo explica o secretario de Organización da CIG en Lugo, Lois Neto, aínda que a contratación é municipal, paga o 50% e ademais é responsábel da coordinación das emerxencias. Na xuntanza exporáselle tamén a situación e as deficiencias do servizo no concello.
Neto asegura que este despedimento é unha represalia polas denuncias que o traballador interpuxo contra os incumprimentos nas condicións laborais do persoal do GES e deste traballador en particular e está seguro de que gañará a nulidade no xulgado. Por iso entende que debería ser xa readmitido.
Deficiencias na atención ás emerxencias
O secretario de Organización da CIG de Lugo denuncia ademais que non se pode manter a este traballador despedido cando o concello está incumprindo os mínimos de traballadores que debería ser de 12 cando só hai, na actualidade 10. “Esta situación, máis alá das cuestións laborais, incide na calidade do servizo. Agora están dando vacacións e hai veces que só está cuberto cun único operario”, explica Neto quen advirte que “isto está afectando tanto a atención das emerxencias como aos tempos de resposta”.
De feito lembra que hai outro traballador que tamén foi despedido e gañou a nulidade, pero que está na súa casa porque o concello presentou recurso perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e non o reincorporou á espera de que se dite sentenza.
O pasado xoves, coincidindo coa celebración do pleno, a CIG concentrouse diante da casa do concello, onde se debatía unha moción do BNG en demanda da readmisión deste traballador. Neto anuncia que continuarán as mobilizacións no mes de decembro, tanto diante da Xunta como da Deputación, que son quen pagan, ao 50% o servizo.