A CIG-Saúde advertira antes da pandemia do risco de colapso da Atención Primaria viguesa por falta de medios
A federación de Saúde da CIG de Vigo lembra que xa antes da pandemia da covid advertira sobre a posibilidade de colapso da Atención Primaria por falta de medios, colapso que agora vén de confirmar a propia Xerencia da área sanitaria. Esta escaseza de recursos fóra contestada ademais de xeito contundente con folgas e mobilizacións masivas nas rúas.
Dende a central sindical inciden en que a actual situación da Atención Primaria na área sanitaria viguesa non é nova, “até o punto de que xa antes da covid tiñamos denunciado que era preciso tomar medidas urxentes para evitar o seu colapso, situación que foi contestada con folgas e mobilizacións”.
Agora a Xerencia da área sanitaria vén de comunicarlle aos profesionais a decisión de restrinxir a actividade nas consultas de medicina de familia de 14 centros de saúde, nos que só se atenderán consultas urxentes e as relacionadas coa covid.
“Esta decisión, que non foi lle comunicada á representación das traballadoras/es, supón asumir unha realidade que xa se estaba a producir. Polo tanto, non será un problema desprogramar neses centros a actividade programada, pois case era inexistente por falta de recursos; de feito, xa hai tempo que as actividades que aportan calidade ao sistema sanitario foron substituídas pola atención ás demandas do día a día”, denuncian dende a CIG-Saúde.
Restablecemento da normalidade asistencial
Por iso dende a central sindical pregúntanse que medidas pensa adoptar a Xerencia para restablecer a normalidade asistencial nos centros de saúde, recuperando a totalidade das funcións da Atención Primaria, “que van máis alá de atender urxencias e pacientes covid; e non vale a desculpa da falta de profesionais, porque hai xa cinco anos sabiamos que isto ía suceder e non se tomaron medidas para evitalo”.
Finalmente, sosteñen que é hora de escoitar as profesionais, desenvolver un plan para recuperar a Atención Primaria e dotala de estruturas de xestión e orzamento axeitado. “Só así poderemos saír do colapso e recuperar a Atención Primaria como un espazo de traballo atractivo para profesionais, que permitiría recuperar os que se forman en Atención Primaria e rematan traballando noutros ámbitos”. Isto faría posíbel tamén “reconstruír” a Atención Primaria como un espazo “accesíbel e confortábel” para os pacientes, “recuperando a confianza nas súas profesionais”.