A CIG-Saúde ve confirmadas as súas denuncias sobre nomeamentos de cargos de alta dirección na Axencia do Coñecemento en Saúde
A CIG-Saúde denunciaba, en concreto, que unha persoa –auxiliar administrativa- figuraba no organigrama da consellaría como Xefe do Servizo de Innovación Sanitaria, cando para ese cargo é preciso ser do grupo A1.
O propio Consello de Contas avalaba esta denuncia no seu informe de fiscalización da FEGAS publicado en xuño de 2015. Nese informe sinalaba que había persoas, entre elas esta á que apuntaba a CIG-Saúde, que percibían unhas retribucións anuais “equiparadas coas retribucións dun posto de Xefatura de Servizo”. Neste concepto retribuíase o desempeño do posto de Xefatura que, doutra forma, non podería percibir ao non se corresponder coa súa categoría profesional.
A CIG-Saúde alertaba ademais de que, todo parecía indicar, que a única preocupación da consellaría de Sanidade era regular, no Decreto de Creación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde, a designación de cargos directivos polo método de “libre designación”, con contratos de alta dirección ou similares, sen especificar cal ía ser a súa remuneración, nin se esas xefaturas sería de persoal sanitario ou non. Por iso sospeitaba que detrás das imprecisións dese decreto se agochaban outras intencións.
“Temíamos que logo se convocaran as prazas para esta Axencia cun perfil adaptado a esta persoa en concreto. Porén foi aínda peor porque na convocatoria nin sequera especificaron os méritos a valorar para cada un dos cargos”, explica María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde.
Abuín lembra que esta persoa ocupa o posto 100 das listaxes de promoción interna para o grupo A, polo tanto, a CIG-Saúde anima aos traballadores e traballadoras do SERGAS a que deixen de facer esforzos para acadar un posto de grupo A1 polo sistema de concurso-oposición e que lle demanden ao goberno galego un contrato de alta dirección tal e como conseguiron outros que mesmo acreditan menos méritos nas listaxes públicas de selección temporal.
CIG-Saúde lembra que ten impugnado xudicialmente a designación dos cargos directivos da Axencia por saltarse toda a normativa estatutaria e agarda ter unha sentenza favorable en breve. Máis agora que todas as súas denuncias se ven confirmadas.