A CIG-Saúde trasládalle ao Ministerio de Sanidade as súas demandas sobre xornada, descansos e clasificación profesional

Nacional - 22 Mai 2025

A CIG-Saúde mantivo este xoves unha reunión co Ministerio de Sanidade na que se lle presentou un novo borrador sobre a xornada laboral e os descansos no eido do Estatuto Marco, así como unhas modificacións na clasificación profesional previamente presentada. Está previsto que a negociación destes documentos se inicie o vindeiro luns.

A central sindical expresou o desacordo coa actitude do ministerio respecto das organizacións sindicais que non forman parte do ámbito formal de negociación. A CIG-Saúde lembrou que a negociación do Estatuto Marco “é competencia exclusiva dese ámbito e debe respectarse o seu marco legal”.

Á espera dunha análise detallada da documentación presentada, a CIG-Saúde xa lle trasladou ao ministerio cuestións clave que deben ser tidas en conta para avanzar na negociación:

  • A necesidade dunha nova clasificación profesional que implique unha actualización das retribucións actuais.
  • A regulación das gardas localizadas e a redución da xornada máxima semanal no novo réxime de xornada e descansos.
  • A regulación básica da xubilación anticipada e parcial.

A CIG-Saúde presentará estas e outras alegacións na reunión do próximo luns, “coa vontade de que a negociación avance de forma efectiva e responda ás necesidades do persoal do sistema sanitario”.

Neste sentido, a CIG-Saúde continuará traballando para garantir os dereitos laborais e profesionais das persoas que traballan na sanidade pública.