A CIG-Saúde responde a Rueda que “o importante é previr as agresións, non facer propaganda do que non se fai”

Exíxelle ao Presidente da Xunta que deixe a propaganda e que se tomen medidas preventivas reais para evitar as agresións as/os profesionais da sanidade
Nacional - 05 Mar 2025

CIG-Saúde denuncia que, logo de transcorrer máis dun mes da agresión grave a un profesional sanitario e a outro de seguridade na Coruña, non se implantaron as medidas preventivas para evitar que isto volva a ocorrer. Por iso, ante o anuncio feito onte por Rueda, afirma que “o importante é previr as agresións, non facer propaganda do que non se fai”.

Onte o presidente da Xunta anunciaba a modificación da Lei de Saúde para que inclúa que as agresións a profesionais serán comunicadas directamente á Fiscalía polo SERGAS, poña ou non a persoa agredida esta denuncia. CIG-Saúde lembra que esta medida xa figuraba desde o 2015 no protocolo de “violencia externa” do SERGAS, co que xa se debería estar aplicando, pero “polo que parece non se debe de estar a cumprir”.

Neste sentido, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, apunta que “a medida que nos están a anunciar é unha medida post-agresión, que está ben, pero non é suficiente”.

Fronte a isto, a CIG-Saúde exixe que se traballe en medidas preventivas para evitar que as agresións se produzan, pero “cando se producen precisamos mellorar os sistemas de aviso e comunicación coa instalación de sistemas de alerta e comunicación eficaz no caso de agresión, realizando simulacros e adestramento do persoal periódicos no manexo destas situacións, implantando o botón pánico fóra dos ordenadores, dotando as persoas traballadoras de pulseiras persoais...”, apunta Moreira, quen entende que “non basta con castigar á persoa agresora, o que se ten que evitar é que haxa persoas traballadoras agredidas”.

Botón do pánico

A este respecto sinala que o presidente da Xunta tamén anunciou a implantación do “botón do pánico” en todo o hospital, pero “leva un mes anunciando esta medida”, denuncia. Lembra que até o de agora, este botón está xa en Atención Primaria e para activalo “hai que facelo desde un ordenador, o que resulta insuficiente no caso dunha agresión que se produza lonxe do ordenador”.

A atención que se presta as/os doentes é practicamente toda a pé de cama, especialmente no ámbito hospitalario, é dicir, sen a presenza dun ordenador, co que dificilmente ante unha agresión un/unha profesional vai poder acceder ao botón.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.