A CIG-Saúde reclama uns orzamentos que permitan avanzar na resolución dos problemas que arrastra a sanidade pública
Delegadas e delegados da CIG-Saúde concentrábanse esta mañá diante da consellaría de Sanidade para denunciar uns orzamentos continuístas que non contemplan partidas para atender as necesidades reais da sanidade pública. Denunciaron que as negociacións coa consellaría están paralizadas e que acordos como o dun plan de ordenación para a Atención Primaria non teñen previstas partidas para a súa posta en marcha en 2025.
Segundo explicou Manuel G. Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, os orzamentos para 2025 repiten o mesmo que en anos anteriores, “consolidando un modelo de sanidade pública precarizada, de derivación de cartos públicos á sanidade privada reforzando o seu peso, especialmente en algunhas áreas sanitarias, e imposibilitando á sanidade pública dar resposta as usuarias e usuarios”.
Por iso, denunciou a paralización das negociacións en cuestións como a das oposicións para estabilizar ao persoal e reducir a taxa de precariedade, que tiñan que rematar a 31 de decembro deste ano e para as que “hai procesos que aínda non sabemos como van evolucionar”.
Do mesmo xeito lembrou que hai un acordo acadado o 20 de abril polo que se reduce a xornada do persoal da sanidade pública a 35 horas semanais e que a un de xaneiro ten que estar implantado. Porén, denunciou, “tampouco temos a instrución de como facer esa redución real”. Unha cuestión que ten impacto tamén nos orzamentos, porque para reducir a xornada “necesítase contratar a máis persoal e nós queremos que sexan postos estables, en prazas estables, orzamentadas e que se reflictan tamén nos orzamentos”.
Xunto a estas apuntou temas pendentes como o acordo para regular os permisos e licencias do personal da sanidade pública que, dixo, está desarticulado. “Cada área sanitaria interpreta á súa maneira xerando inequidades”. Ou o compromiso de creación de prazas estatutarias de persoal investigador, porque “hai 23 prazas que se estabilizan e tampouco aparecen nos orzamentos”.
Plano de ordenación da Atención Primaria
Con todo, fixo especial fincapé no Plan de ordenación de Atención Primaria e na urxencia de analizar as necesidades dos hospitais porque “temos unhas ratios claramente insuficientes”. A este respecto subliñou que sociedades científicas como a OMS recomendan que un 25% do orzamento na sanidade pública se dedique a atención primaria, porque é máis eficiente, e “non se debería considerar un gasto, senón un investimento en saúde”.
Lembrou a demanda de CIG-Saúde de que na aplicación dese Plan de Ordenación de Recursos Humanos se producira xa un crecemento de orzamento para o vindeiro ano, pero diante da súa ausencia valorou que “non existe, porque non hai vontade política.
E lamentou que non se prevean orzamentos para incorporar novos profesionais en primaria, tanto para atender á actual carga asistencial como para atender problemas como a saúde mental con persoal de psicoloxía clínica. Do mesmo xeito que profesionais da fisioterapia que evitarían a medicalización de moitas patoloxías, para mellorar a calidade de vida das e dos doentes.
Sistema retributivo
Moreira reclamou tamén a actualización do sistema retributivo nos servizos de Urxencias hospitalarias, porque “están sobrecargados e necesitamos atraer profesionais, pero se non temos un sistema retributivo actualizado non van vir”.
Por iso, concluíu que sen cambios respecto das contas deste ano “se cos orzamentos anteriores o resultado era listas de agarda en atención primaria e en atención hospitalaria, os resultados destes orzamentos van a ser os mesmos”.