A CIG-Saúde solicita que as prazas de cura do Sergas se transformen en prazas de persoal estatutario
A federación de Saúde da CIG reclama que as prazas de cura que figuran no Sergas e que reciben un salario con cartos dos orzamentos públicos sexan convertidas en prazas de persoal estatutario. Dende a central lembran que a Goberno galego gasta máis de 650.000 euros anuais en contratar 52 relixiosos, cantidade que entenden debera dedicarse a financiar a asistencia sanitaria pública.
A CIG-Saúde considera que coa política de ausencia de substitucións que aplica a Xunta, coa perda de postos de traballo a causa da aplicación da taxa de reposición e da derrogación do Plan Mellora e do Plan de Saúde Mental e co necesarias que son as prazas estruturais para desenvolver a prestación sanitaria, “os cartos públicos deben ser empregados en incrementar os recursos humanos que prestan asistencia sanitaria ao conxunto da cidadanía”.
Deste xeito, na central entenden que as funcións que desenvolven os curas -para atender as necesidades dun determinado grupo de persoas- non deben ser financiadas cos cartos que o conxunto da sociedade paga cos seus impostos. “Eses cartos deben dedicarse a financiar a asistencia sanitaria pública”, rematan.