A CIG-Saúde reclama medios para paliar a situación de amoreamento nos servizos de urxencias do HULA
A Sección Sindical toma como exemplo a situación acontecida na noite do día 24 no Servizo de Urxencias do HULA, cando, presumibelmente por unha intensa afluencia de usuarios/as quedaron doentes na sala da espera de urxencias, a quen para pasar a noite se lles facilitou unha cama. Algúns destes doentes, explican, non puideron a Observación, xa que se atopaba chea, mentres que outros doentes estaban pendentes de ingreso.
“Os/as doentes atópanse nunha situación de tránsito nunha sala sen intimidade nin comodidade de ningún tipo, debido a que non se lles dá saída cara hospitalización”, alerta Carme Aira, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde de Lugo-A Mariña.
Xunto a isto, apunta que no HULA hai dúas plantas completamente pechadas e outra máis que só está dedicada á atención de pacientes cirúrxicos, polo que non se pode dispor deste espazo para facer ingresos ordinarios.
“Non hai ningunha planificación feita para ver de facilitar a adecuada estancia aos doentes, e o máximo que nestes casos se pensa é en cambiarlles pala mañá a cama por unha padiola para que non chamen a atención (tal e como pasou o luns pala mañá). Esta situación é crónica e reiterativa, vén empeorando no tempo e non vemos que se tome con suficiente seriedade como para darlle unha solución”, denuncian no escrito.
Por iso, reclaman á nova xerencia que atende adecuadamente esta problemática e poña solucións de inmediato”por respecto a usuarios/as e traballadores/as”.