A CIG-Saúde pon en marcha unha campaña pola “recuperación dos dereitos roubados”
A CIG-Saúde sinala que a sanidade pública e as traballadoras e traballadores que nela prestan os seus servizos “necesitan dun goberno que atenda as necesidades da poboación e do seu persoal”.
Por iso aposta por que iso se concrete mediante a negociación dun Plan Plurianual que posibilite a recuperación dunha sanidade pública sen recortes e sen privatizacións, en paralelo coa recuperación dos dereitos do seu persoal.
Respecto das prioridades para a sanidade pública galega salienta entre as súas principais demandas: a recuperación do hospital de Vigo; o Plan Mellora de Atención Primaria; o Plan galego de Saúde Mental e Drogodependencias; o Plan Integral da Saúde da Muller; a eliminación dos copagos e privatizacións; a constitución dos Consellos de Saúde da Área e a eliminación de Galaria e das Axencias.
Canto aos dereitos das traballadoras e dos traballadores, reclama un plan de emprego; carreira profesional; recuperación do acordo retributivo 2008-2012; recuperación do 100% do salario en I.T; negociación dun acordo de permisos e licenzas; a xornada de 35 horas e estabilidade do persoal investigador.