A CIG-Saúde pide xustificación ao Sergas polo gasto solicitado pola Axencia de Coñecemento en Saúde
Segundo soubo a CIG-Saúde a Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde solicitou a apertura dun novo proxecto de gasto de 125.000 euros para a adquisición de equipamento para procesos de información; de 140.380 euros para adquisición de mobiliario e de 154.232,65 euros para acondicionamento de espazos.
Un gasto total de 419.612,65 euros para adaptar unhas dependencias que a CIG-Saúde lembra que recentemente xa foron remodeladas e que contan con mobiliario e equipos informáticos axeitados para desenvolver o traballo.
Por iso a CIG-Saúde demanda do Sergas que explique se vai permitir este gasto, se vai estar dentro da estabilidade orzamentaria e se esta é unha das prioridades ou obxectivos polo que se creou a Axencia do Coñecemento en Saúde.
“Salas de celebración de aniversarios”
A CIG-Saúde xa denunciou en marzo deste ano o gasto de 169.400 euros procedentes, nun 80%, de Fondos FEDER para a creación de sete espazos para innovación sanitaria -que está agora integrada na Axencia Galega do Coñecemento en Saúde- coñecidos entre o persoal como “salas de festas de aniversario” pola seu deseño e “nula” utilidade.
Diante disto, a CIG-Saúde denunciou o mal uso destes fondos por parte da consellaría de Sanidade e reclamou que os cartos públicos dedicados ao desenvolvemento da investigación e da innovación, se utilicen correctamente “e para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema e as prioridades que estes marcan e non as iluminadas das persoas que a consellaría de Sanidade ten en postos de libre designación, que semellan máis interesados en favorecer negocios que na asistencia sanitaria e no seu desenvolvemento”.