CIG-Saúde non asinará, por insuficiente, o acordo de intencións do Plan de Ordenación dos Recursos Humanos da Atención Primaria
A CIG-Saúde compareceu este martes en rolda de prensa para informar que non asinará o acordo de intencións e o calendario programado no marco de negociación do Plan de Ordenación dos Recursos Humanos de Atención Primaria. A central puxo en valor as propostas realizadas pola dirección de RH do SERGAS, pero considéraas insuficientes para asinar un documento que só constitúe unha declaración de intencións.
"A CIG-Saúde quere negociar e asinar un acordo de Plan de Ordenación de Recursos Humanos de Atención Primaria que realmente supoña unha resposta á situación actual, que permita mudar o día a día das e dos profesionais, e volver facer atractivo o traballo na Atención Primaria para todas as categorías profesionais que a conforman actualmente e para as que se incorporaren no inmediato futuro", aseverou o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel González Moreira.
Non obstante, Moreira comprometeu a vontade negociadora da central nacionalista para acadar un Plan de Ordenación que consolide un modelo de Atención Primaria "que permita desenvolver o traballo das e dos profesionais e dar a calidade asistencial que a cidadanía nos demanda". No actual contexto de falta de profesionais, indicou, cómpre facer un planeamento das necesidades por un período de, cando menos, cinco anos para valorar como responder a "esta situación de verdadeira crise sanitaria na Atención Primaria".
Un documento de intencións, non de medidas concretas
Explicou que a proposta de acordo presentada na Mesa Sectorial recolle aspectos importantes que melloran os documentos anteriores, dando resposta a moitas das demandas de CIG-Saúde durante o proceso de negociación. Pero a pesares destas melloras "consideramos que non son suficientes e non podemos asinar un acordo de intencións co Servizo Galego de Saúde".
Isto é, asevera González Moreira, porque "esta sinatura podería trasladar a idea equivocada de que damos por resoltos os problemas que están a darse neste momento na Atención Primaria, e non faría máis que xerar máis desilusión e frustración entre as e os profesionais cando vexan no seu día a día que, efectivamente, os seus problemas non están resoltos". Reiterou que se trata dun documento de intencións de negociar pero non é un texto con medidas concretas e reais que melloren as condicións de traballo.
Entre as melloras recollidas, a CIG-Saúde destacou:
- A proposta de negociar incentivos económicos nas quendas deslizantes e de tarde en todas as categorías dos centros onde sexa de aplicación.
- A inclusión expresa da categoría de Médica/o de Familia na oferta de contratación por 3 anos as persoas residentes que rematen a especialidade de medicina de familia, e non só a oferta de contratos en postos de FEAP.
- A proposta de realizar as modificacións normativas precisas para incluír a categoría de Médica/o de Familia e outras categorías de especialista que se consideren que cumpran os requisitos de difícil cobertura, entre aquelas cuxos postos de difícil cobertura poden ser provistos mediante procesos selectivos específicos polo sistema de concurso, e non só deixar esta provisión, no caso da Medicina de Familia, limitada á nova categoría de FEAP.
- O compromiso de manter a calidade da formación de residentes, incentivar a labor de titoría e negociar as condicións de traballo e retributivas do persoal residente en formación, incluído o persoal EIR.
- Estabelecer mecanismos de xestión das axendas de profesionais cando superen o número máximo de citas que estabelece cada axenda (e non 40 citas como aparecía nas primeiras propostas), incorporando un mecanismo para autorizar a auto prolongación e que, de quedar dita axenda sistematicamente curta por outros motivos estruturais, se avaliarán outras medidas como a revisión da asignación de pacientes no equipo ou a dotación de novas prazas. "Non pode ser que as e os profesionais teñan axendas infinitas e cando comezan a xornada non saiban a cantas pacientes van ver", valorou.
- A referencia expresa a que para a determinación das ratios de referencia teranse en conta as carteiras de servizos aprobadas no Consello Técnico de Atención Primaria. O estudio de necesidades concretarase centro a centro, valorando tamén as posíbeis cargas de traballo adicionais. Este punto permitirá analizar as cargas de traballo de todas as categorías presentes na Atención Primaria.
- A incorporación no documento de xeito expreso da necesidade de completar a estrutura de mando introducindo postos de xestión específicos que xestionen recursos humanos e económicos de Atención Primaria así como asistenciais. Esta era unha demanda que para CIG-Saúde condicionaba a negociación, posto que a desaparición no seu día das Xerencias de Atención Primaria foi un dos problemas que nos trouxo á situación actual.
Analizar a realidade de cada centro
Para a CIG-Saúde o Plan de Ordenación debe recoller unha análise da realidade centro a centro: que profesionais hai, que actividades realizan (definidas nas carteiras de servizos), que poboación temos e cantos/as profesionais se necesitan para ofrecer esa carteira de servizos con calidade. E alí onde sexa necesario, elaborar un plan de incorporación de profesionais nun proceso secuenciado.
A este respecto, González Moreira referiu que as dificultades que existenten nestes momentos para atopar determinadas categorías de profesionais (como Medicina de Familia ou Pediatría) derívanse das condicións de traballo precarias e penosas nos centros de saúde. "Os e as estudantes de medicina que rematan as súa formación prefiren facer outras especialidades e polo tanto o Plan de Ordenación ten que achegar calidade a estes postos de traballo para facelos máis atractivos".
En resumen, concluíu Moreira, "hai que planificar, investir cartos e dotar de recursos a Atención Primaria, e crear unhas estruturas de xestión adecuadas. Isto é o que nos comprometemos a negociar e a chegar a acordo co SERGAS, se cumpren estes criterios e logramos un acordo que sexa útil".