A CIG-Saúde non apoia a folga médica que reclama un estatuto propio e a fin da dedicación exclusiva á sanidade pública

A convocatoria non contribúe á defensa do sistema público nin servirá para mudar as condicións laborais, xa que moitas das materias reivindicadas son competencia da Consellaría
Nacional - 09 Feb 2026

Ante a convocatoria da folga médica do vindeiro 16 de febreiro por un Estatuto marco propio, a CIG-Saúde aclara que comparte e defende, no Ámbito de Negociación co Ministerio de Sanidade, as demandas de mellora das condicións laborais de todas as profesionais da sanidade pública, incluído o persoal médico e facultativo. Porén, a central nacionalista non comparte os motivos nin apoia esta convocatoria porque non defende a sanidade pública pero contribúe a dividir o persoal, non servirá para mudar as condicións de traballo, xa que se trata de competencias autonómicas, e ademais responde a intereses corporativos e da sanidade privada xa que un dos principais obxectivos é eliminar a dedicación exclusiva.

A CIG-Saúde entende que o Estatuto Marco debe recoller a regulación básica que permita defender os dereitos do persoal médico e facultativo coas súas particularidades, nas mesmas condicións que as do resto do persoal estatutario. Por iso, para a CIG-Saúde o texto acordado entre o Ministerio de Sanidade e outras organizacións sindicais non cumpre cos obxectivos marcados ao inicio da negociación e por esa razón non asinou o acordo.

“Desde CIG-Saúde esiximos unha xornada laboral, tanto ordinaria como das gardas e atención continuada, regulada, que garanta descansos, a conciliación familiar e persoal e a protección fronte ao esgotamento profesional, cun límite de 35 horas semanais de xornada máxima”, apunta a secretaria nacional, Ana Lestón. Matiza que a responsabilidade da aplicación concreta desta xornada laboral correspóndelle, no contexto legal actual, á Consellería de Sanidade.

“A sobrecarga laboral e a frustración das profesionais é responsabilidade da Consellería e non se resolve na negociación do Estatuto Marco, senón na confrontación contra as políticas de recortes e avances na privatización, que teñen como consecuencia este debilitamento da nosa sanidade pública e a precarización das condicións de traballo”, asevera.

Materias que son competencia da Consellaría

Lembra Lestón que na negociación do novo Estatuto Marco, a CIG-Saúde esixiu unha clasificación profesional xusta e adecuadamente retribuída, tamén para o persoal médico e facultativo, “que reflicta o nivel de responsabilidade, formación e dedicación de todo o persoal, sen discriminacións entre categorías”. A nova clasificación ten que ir necesariamente acompañada dunhas novas retribucións básicas, que son competencia do Estado. Mais, unha vez que sexa efectiva, “haberá que presionar a Consellería de Sanidade para que adapte o conxunto do modelo retributivo á nova clasificación, incorporando o novo complemento para retribuír a dedicación exclusiva”.

A central nacionalista tamén reclamou que o Estatuto Marco recolla o dereito á xubilación anticipada e parcial de todo o persoal estatutario, e que a regulación básica deste dereito apareza no propio Estatuto. “Pero hai condicións de traballo que non se negocian neste ámbito estatal, porque son competencia dos servizos de saúde de cada comunidade e, polo tanto, non van cambiar despois desta folga”, subliña.

Por como exemplo a sobrecarga e a burocratización en Atención Primaria, o propio modelo de Atención Primaria, o número de pacientes por profesional, a substitución de profesionais ausentes, o modelo de organización dos hospitais, a regulación das xornadas de traballo co modelo de xornada máis gardas, etc. “Todas estas cuestións non son competencia do Estatuto Marco”, incide Lestón.

A CIG defende a dedicación exclusiva á sanidade pública

Como férrea defensora dos sistema público, a CIG defende a dedicación exclusiva, especialmente das persoas que exercen xefaturas de servizo e unidade e das persoas con responsabilidades de xestión de recursos humanos e económicos. Para a CIG-Saúde a dedicación exclusiva debe ser condición necesaria para ter eses cargo na pública, e neste senso aposta pola creación dun complemento que retribúa, de xeito adecuado, esta exclusividade.

O feito de que o novo Estatuto Marco recollera parte dos principios da CIG sobre este tema, “supuxo un importante enfrontamento con determinados sectores de organizacións médicas corporativas, que apoian a posición da patronal da sanidade privada que leva anos intentando rematar coa dedicación exclusiva á sanidade pública e pretendendo flexibilizar as condicións de aplicación da incompatibilidade, para poder ter máis fácil contratar profesionais”, explica Ana Lestón.

Ligado a isto, a CIG rexeita a reivindicación dun estatuto propio por parte do persoal médico, “cando os sectores corporativos non se preocuparon en máis de 20 anos por como se aplicaba o Estatuto Marco de 2003 e das súas consecuencias para o persoal médico e facultativo. Estes mesmos sectores, a través de determinados colexios profesionais e sindicatos corporativos, que agora ven perigar determinadas cuestións que afectan á relación entre a sanidade pública e a privada, queren un EM propio”, rexeita.

Como xa se demostrou nalgúns acordos recentes, critica Lestón, preténdese un marco propio de negociación “non para a defensa dos dereitos de todas as médicas e médicos que traballan na sanidade pública, senón co único obxectivo de rematar coa dedicación exclusiva”. “Para defender os lexítimos dereitos das e dos médicos e facultativos non se precisa dun estatuto propio, o que se precisa é defender eses dereitos nos ámbitos onde son vulnerados”, conclúe.