A CIG-Saúde mobilizarase este xoves diante da Consellaría con motivo da nova xornada de folga na Atención Primaria
A CIG-Saúde fai un chamamento ao conxunto do persoal que traballa na Atención Primaria a secundar a nova xornada de folga convocada para este xoves 26 de marzo, así como a participar na concentración que a central sindical vai realizar diante da Consellaría de Sanidade (complexo administrativo de San Lázaro), ás 11:00 horas. Na protesta levaranse cadeiras e as persoas participantes sentarán ás portas de Sanidade "agardando pola negociación".
Esta mobilización forma parte do calendario de protestas impulsado pola CIG ante a falta de respostas por parte da Consellaría de Sanidade, que continuará con novas xornadas de folga os días 9 e 23 de abril.
A CIG-Saúde denuncia que a Atención Primaria segue nunha situación límite, marcada pola sobrecarga asistencial, a falta de persoal e unha organización ineficiente que repercute directamente na calidade da atención á cidadanía.
Neste contexto, a folga convócase para esixir medidas urxentes e estruturais que garantan un funcionamento digno do sistema sanitario público. Entre as principais reivindicacións destacan:
- Mellora da organización e xestión, dotando a Atención Primaria de maior autonomía e reducindo a burocracia innecesaria.
- Incremento de persoal en todas as categorías, establecendo ratios axeitadas segundo a poboación e garantindo equipos completos en todos os centros.
- Limitación da sobrecarga asistencial, fixando un máximo de pacientes por profesional (30 en medicina de familia e 20 en pediatría) e regulando as axendas para asegurar unha atención de calidade.
- Melloras nas condicións laborais e retributivas, incluíndo un novo modelo salarial, o pago das intersubstitucións e a dignificación das condicións do persoal dos PAC e das áreas administrativas.
- Regulación da xornada laboral e da cobertura asistencial, mellorando os horarios, reducindo cargas excesivas e organizando a atención en sábados e festivos.
- Garantías no sistema sanitario público, evitando a contratación sen especialidade e planificando adecuadamente os recursos humanos.
A CIG-Saúde considera imprescindíbel intensificar as mobilizacións para obrigar a Consellaría a negociar e adoptar solucións reais que garantan o futuro da Atención Primaria. Por iso fai un chamamento a todo o persoal que traballa na Atención Primaria a participar activamente na folga do día 26 e na concentración en defensa dun sistema sanitario público con recursos, condicións dignas e unha atención de calidade.